O venres foi un día divertido. xa sabedes que no cole hai momentos para todo: ler, facer trazos, debuxar, cantar e bailar, xogar, memorizar e gravar poemas, traballar a expresión oral e milcousas máis. Os momentos de xogos grupais sempre son importantes e moi formativos xa que os peques teñen que xestionar a súa paciencia, traballan a responsabilidade, a cooperación e avanzan na construción da personalidade aprendendo a entender que hai outros nenos/as que queren disfrutar, que eles/as non son os únicos protagonistas... Moitas veces o maior traballo en infantil é facerlles ver aos máis pequenos que forman parte dun grupo e que nese conxunto de nenos e nenas todos e todas teñen o seu valor e son importantes. Por iso,xogar en grupo, respectar normas, esperar turnos, ser paciente e disfrutar cando son os outros os que participan son aprendizaxes fundamentais no proceso madurativo dos vosos fillos e fillas.
O venres aunamos unha posición de ioga (Adho Mukha, o can boca abaixo) cun xogo de motricidade global (reptar). Foi moi divertido, houbo moitas risas e moitas ganas de participar e disfrutar xuntos.
Despois repartimos os libros do pasaporte lector e todos/as marcharon moi contentos/as co libro elixido. Espero que o momento da lectura na cada, en familia, sexa moi gratificante. Agora pouquiño a pouco vou vendo como xa van aparecendo certos intereses na seleccións, algún neno/a xa ten claro cal quere coller cando eu os estou colocando e iso gústame. É un proceso bonito ir vendo como hai historias que lles gustan máis,ir creando novos intereses.
Mentres realizamos o proceso de elección do conto poñemos xogos nos equipos para estar entretidos/as ata que chegue o turno de cada un. Son cousiñas que levan o seu tempo así que os xogos de mesa axudan a estar concentrados/as nunha tarefa mentres se escolle libro, se mete na bolsa e se colga no percheiro para despois levalo a casa.
O xoves tamén fixemos un xogo de equipo para traballar a escoita activa, a atención, a memoria, a organización temporal e expresión corporal. ë moi importante traballar a motricidade global (correr, saltar, facer equilibrios, reptar, facer ioga, subir e baixar escaleiras, baixar polo tobogán, xogar coa pelota etc.) para despois progresivamente ir avanzando e mellorando a motricidade fina (abotonarse, vestirse só, facer trazos, pintar, recortar etc.). Neste caso vou insistir en que os nenos e nenas deben sempre intentar facer as cousas por si mesmos, todo o que se lles fai sen darlles opción a que o fagan por sí mesmos/as é un freno na súa evolución, no seu proceso madurativo. Por outra banda os nenos e nenas teñen que vivir pequenas frustracións (non todo sae ben a primeira vez que se intenta) e asumir que a práctica é a base da superación de retos e se lle damos todo feito só aprenden a acomodarse, a pedir e esixir e medrarán pensando que non saben facer nada (de aí tantos medos nos peques en infantil, sempre teñen medo a facer cousas por si mesmos, non asumen os erros nin os pequenos fracasos).
En definitiva co xogo de "¿Viches a Pedro?" estamos potenciando o control e a expresión corporal global nun contexto lúdico no que tamén temos que escoitarnos e observarnos uns aos outros. Repetiremos máis veces, seguro!
Preguntádelle a ver se vos saben explicar como era este xogo tan gracioso. A ver que vos contan!