Estes últimos días temos diferentes actividades en curso e poriso non as estou mostrando aínda no blog. Pero, a pesar de que hai bastante "revolución primaveral" pola aula e nos costa un pouquiño concentrarnos e, sobre todo, escoitar á profe, seguimos traballando en cousiñas diferentes que nos acheguen a temas importantes, a reflexións relacionadas co noso proxecto.
En primeiro lugar, alégrame compartir convosco algunhas cousiñas que os nenos/as compartiron cos compañeiros/as, experiencias de paseos, viaxes ou investigacións feitas coas familias. Pablo Olivera por exemplo trouxo un pequeno "herbario" que elaborou na casa despois dun paseo polo monte no que recolleu algunhas follas de árbores da zona.
Erik Vázquez contounos que tiña un cadro na casa que tiña relación con algo do que faláramos no cole pero como non sabía explicarme moi ben de qué era, pedinlle que fixera un debuxo a ver si eu recoñecía ese cadro.

Así que comprobamos que se trataba dunha reprodución da máscara funeraria de Tutankamon. Aproveitamos para aprender máis cousas sobre os exipcios, as momias, as pirámides, o río Nilo e ata o papiro (unha nova palabra que incluímos na árbore das palabras novas).
Valentina tivo a sorte de visitar Marcelle e estaba moi feliz de ver suricatas, que lle gustaron moitísimo e quiso traernos fotos dos animais dos equipos da aula. A mala sorte foi que non pudo ver lobos porque estaban nun área restrinxida , pero seguro que noutra ocasión poderá visitalos. Tamén nos contou que Marcelle está en Lugo e que pasou polo río Miño.
E como sorpresa tróuxonos unhas púas dun porcoespiño africano que nos encantaron porque son moi longas, moi finas e con dúas cores: branco e negro. ¡Vaia porcoespiño debe ser ese para ter unha púas tan longas e resistentes!
En segundo lugar, seguimos aprendendo cousas sobre os ríos de Galicia e, nesta ocasión, coñecemos e debuxamos alguns peixes dos nosos ríos como a troita común, a lamprea, o salmón, o barbo ou a anguía.
En terceiro lugar, hoxe recibimos o segundo exemplar de Novas de Infantil deste curso con informacións diversas do que estivemos facendo ao longo do segundo trimestre nas catro aulas de educación infantil. Sempre é divertido buscar en que paxinas e fotos sae cada un, que actividades gustaron máis, que fixeron os outros compañeiros/as...
Como o día foi un pouco movido, na hora de xogo algúns nenos e nenas construíron robots que tiñan poderes especiais: por exemplo un deles atrapaba todos os berros (para lograr así un pouco de calma e paz dentro da aula), outro repartía paz. outro disparaba uns raios ao cerebro para transformarlle a pena en alegría e o mal comportamento en bo, outro era coma unha hélice e cambiaba todas as cousas malas en cousas boas... Encantáronme estas construcións e ata me transmitiron un pouco de paz. Agora espero que funcionen todos os días e poidamos falar uns cos outros sen berros, respectándonos e escoitándonos porque do contrario sempre acabamos perdéndonos moitas cousas divertidas.







E, para rematar, os nenos/as e máis eu queremos propoñervos un xogo a vós, papás, mamás, irmáns... A cuestión é que tedes que tratar de adiviñar que quería representar Henri Matisse con este collage. Mirádeo ben a ver si adiviñades o que é (non vale que volo digan os nenos/as). Nós xogamos hoxe a adiviñalo e saíron respostas moi curiosas, pero só un neno adiviñou cal era a idea de Matisse. A ver cantos o adiviñades, para que mañán me conten os peques.
¿QUÉ É ISTO? ADIVIÑA, ADIVIÑANZA...