miércoles, 10 de junio de 2026

UN CONTO MOI ANIMADO

    O pasado venres día 5 de xullo tivemos unha visita moi especial en infantil (especialmente para min,teño que dicilo) que fixo que todos os nenos e nenas pasaran unha mañán emocionante, divertida, vital e chea de elementos transversais.  Este tipo de experiencias é básico na educación xa que temos que procurar que estes pequenos e pequenas aprendan moitos contidos de áreas diferentes pero  tamén deben desenvolver habilidades socioemocionais, valores democráticos, actitudes de respecto, tolerancia, empatía, amor pola natureza, pensamento crítico etc. 

   Poderedes agora preguntarvos despois de todo isto  por qué este conto foi tan, tan especial. Pois ben, a persoa que se achegou ao cole para compartir connosco a súa historia é un antigo alumno deste cole e, concretamente, un "pementeiro" da miña primeira promoción aquí en Padrón fai xa bastantes anos. Lucas Jamardo chegou á Pementeira alá polo curso 2007-2008 formando parte dun grupo de nenos e nenas que foi moi especial para min, un grupo fantástico de alumnos/as e un grupo xenial de familias coas que xurdiron unhas conexións tan positivas que, 18 anos despois, podo dicir que teño amigos e amigas entre esas familias, e máis aínda, o que máis feliz me fai é que eses pequerrechos/as que chegaron con 3 aniños teñen agora 22 e xa son,igualmente, amigos/as. Iso é impagable! Por iso recibir a Lucas foi tan especial. Un mozo que é xa compañeiro de profesión, porque estudou Educación Infantil, e que nos agasalla con historias como a do venres, historias vivas, emotivas e con protagonistas tan especiais como dúas tartarugas, un sapo, unha píntega e unha chinchilla.

   Lucas contounos a historia dun neno un pouco choromica que so calaba cando estaba con animais ou coas historias que lle contaba a súa avoa, O seu pai quería que el xogara ao fútbol pero a el o que lle interesaban eran os animais, de todo tipo, desde unha araña ata un león mariño, unha galiña ou unha serpe. Ese neno que non quería xogar ao fútbol tiña unha enorme curiosidade por todo o que tiña que ver co reino animal (e eu podo dar fe de que a súa memoria era sorprendente, gardaba moita información sobre animais e, de feito, eu teño algunha anécdota sobre eso que nos pasou na aula cando el tiña 3 anos). O seu conto, que en realidade como poderedes supoñer, é a historia da súa vida (algo que os cativos/as foron descubrindo a medida que ían vendo as fotos), contén toda unha homenaxe a aquelas persoas que o acompañaron na súa andaina, que o foron levando a descubrir cousas sobre animais, que respectaron os seus intereses e non o forzaron a ser o que el non quería, que responderon as súas preguntas e lle transmitiron coñecementos pero tamén valores e actitudes. Lucas mostrounos o seu amor, respecto e admiración polos seus pais e a súa avoa recoñecendo a súa labor educadora (no seu sentido máis completo) e, tamén, quixo facerme a min un pequeno agasallo incluíndome na historia da súa vida. Non podo estar máis agradecida nin sentirme máis orgullosa de Lucas.

   Pero para non extenderme con esta parte máis emotiva, hai que dicir que os verdadeiros protagonistas deste "conto" baseado en feitos reais foron os animais que acompañaron ao narrador da historia porque as dúas tartarugas, a píntega, o sapo e a chinchilla non estaban só nas imaxes do conto... Viñeron viviñas e coleando ao cole e puidemos tocalas!



















































































 

       Qué bonito é para unha mestra ver como vai encaixando co tempo, como esta profesión che trae agasallos tan fermosos como este, como ese pequenos alumnos e alumnas que chegan ao cole casi bebés van medrando e facéndose persoas completas, persoas totalmente autónomas e responsables, e como en ocasións, por sorte, podemos ser testigos de esa transformación vital. Estou moi orgullosa de Lucas e síntome moi agradecida pola sorte de ter sido a súa profe durante tres cursos e por ter o privilexio  de compartir estas experiencias con el. GRAZAS; LUCAS! E espero que os meus pementeiros/as actuais vaian pouco a pouco similando estas vivencias e comprendendo a enorme relevancia que ten disfrutar de actividades deste tipo. O proxecto Blablalandia achegounos, a través dos relatos, as historias, os poemas, as retahilas, as cancións, a persoas das que podemos aprender moitísimo. Este foi un fantástico remate!!!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario

UN CONTO MOI ANIMADO

    O pasado venres día 5 de xullo tivemos unha visita moi especial en infantil (especialmente para min,teño que dicilo) que fixo que todos ...