Hoxe,o noso cole encheuse dunha enerxía especial, un aire africano que chegou da man dun auténtico griot, un contador de contos nacido en Camerún que nos visitou para contaxiarnos a súa enerxía e para deleitarnos cos seus relatos cheos de ensinanzas. As súas palabras foron levándonos a mundos habitados por leóns, tartarugas e elefantes, a lugares lonxanos onde soan djembés, korás e balafóns, onde os nenos e nenas aprenden a respectar a natureza e conviven en armonía con ela tomando boa nota das súas ensinanzas. Boniface narra, canta, interactúa co público dun xeito natural, vai cambiando a entonación para facernos sentir emocións diversas desde a alegría e o humor ata a sorpresa e o medo, tanto pode mostrarnos como é o froito do baobab como ensinarnos a falar yambassa, a súa lingua materna.
Que importante é escoitar a persoas coma el! Que deleite presenciar a súa posta en escea! Escoitar contos, mergullarse nos relatos de diferentes culturas é a mellor maneira de abrir os ollos e de expandir a mirada porque non só hai que ver, hai que aprender a mirar, non só hai que oír, hay que aprender a escoitar.
O noso Proxecto Blablalandia incide na importancia da palabra. Por iso ter un griot aquí é algo insuperable. Podería estar todo o día falando de Boniface, dos contos africanos, do poder da palabra e a importancia de compartir relatos pero vou, simplemente, recoller algúns extractos do libro "Unha vida de conto" de Boniface Ofogo:
- Griot é unha palabra wólof que significa paxaro voador. É un mestre da palabra, o depositario da memoria colectiva da tribu.
- Por medio da palabra que me transmitiron os sabios da tribu, percorro o mundo construíndo pontes invisibles pero indestructibles. son un diplomático dos contos.
- A persoa que ensina a ler e escribir a un neno ou un adulto estalle abrindo os ollos a un mundo novo.
- A miña traxectoria persoal e académica demostra que "oralidade" e "escritura" son complementarias. Para min, o amor e a práctica da oralidade agudizaron e prepararon o terreo á miña posterior devoción polos libros e pola lectura.
- Grazas aos contos orales que eu levaba escoitando desde a miña máis tenra infancia, teño a imaxinación moi entrenada. Digamos que, sen darme conta, toda a vida estivera lendo libros escritos no aire pola imaxinación popular.
- É máis fácil transmitir unha mensaxe a través do conto que a través de longas charlas ou conferencias.
- Enriquecendo o imaxinario das persoas, podemos ampliar o seu horizonte vital e mellorar a súa percepción do mundo .

























No hay comentarios:
Publicar un comentario