Xa estamos de volta! As vacacións de verán remataron e damos inicio ao curso 2026-27. Que ganas temos xa de vernos, falar, cantar, escoitar contos, facer ioga, facer picnics, celebrar aniversarios, facer experimentos, investigar e aprender xuntos!
Onte tivemos un día estupendo. Todos/as chegaron contentos, con toda confianza, con ganas de verse, moi faladores/as e cargados de enerxía a tope. Así que eu tamén vou ter que vir cada día coas pilas ben cargadas para estar á altura das circunstancias.
Fixemos unha primeira foto de grupo, pero repetirémola mañán porque faltaban un par de pementeiros. Pero mirade que animación había xa a primeira hora na aula.
Para empezar estivemos falando de viaxes. Algúns nenos e nenas recordaban moi ben a onde foron de vacacións, outros/as só recordaban que estiveron nun hotel que tiña camas e piscina e outros en vez de falar do lugar a onde foron xa nos anunciaron a onde van ir dentro duns días. É importante non quedar atrapado polo pasado e focalizarse no futuro, claro.

Despois pasamos un bo cacho xogando na aula de psico que estaba fresquiña, comprobando como estaban todos os xoguetes despois de dous meses de inactividade.
Pero aínda que había ganas de xogar, o que non podía esperar era celebrar o primeiro aniversario do curso, o da pementeira Daniela que estaba exultante de felicidade. Cumplir 4 anos é o que ten, é todo un acontecimiento na vida destes nenos e nenas. Daniela apagou as candeas, escoitou con emoción a canción do cumpleanos feliz e, a continuación, fixo o reparto dunhas deliciosas magdalenas feitas por ela mesma e a súa mamá, María. A verdade é que eu comín unha e estaba suculenta!
Unha celebración emocionante, como é habitual. Tras a degustación de magdalenas caseiras, aínda había espazo para a merenda e ganas de facer un picnic. Asi que non podía dicir que non, co soliño do mes de setembro aínda daba gusto merendar fóra.
E hoxe, como xa estábamos todos/as na aula, repetimos a foto grupal coa mesma alegría que onte.
Retomamos rutinas como escoitar un conto, cantar cancións de saúdo, facer o panel (pasar lista, contar, poñer a data e o tempo que fai...), facer unha actividade impresa (comprobando quen recorda como se pon o seu nome), facer a relaxación despois do patio, facer puzles, ler libros...

A verdade é que dá gusto empezar o curso con este grupiño de nenos e nenas, con tanta enerxía, con charlas, risas, música, lectura, picnics, moitos xogos e moita felicidade. Espero que este curso 2026-2027 esté cheo de actividades interesantes, de aprendizaxes inesquecibles, de amizades reforzadas, de vivencias intensas e de moitas investigacións que nos fagan disfrutar e medrar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario