Rematou o ano 2024 e agora é o momento de empezar o 2025 con moita enerxía, alegría e ganas de aprender. O primeiro trimestre deste curso foi estupendo, os avances a todos os niveis foron salientables así que o segundo trimestre seguro que vai ser aínda mellor. As mestras estamos xa rematando a elaboración do primeiro exemplar de Novas de Infantil deste ano e as familias teredes oportunidade de disfrutalo á volta das vacacións.
Esta entrada de hoxe ten un título especial porque quería rematar este primer trimestre facendo fincapé nos bos momentos que se viven na escola cada día. E para abrir boca, "roubeille" á profe Ana un vídeo que ela gravou na merendola conxunta de Nadal porque saen por aí motos/as pementeiros/as comendo e bailando.
Moitas veces os adultos temos certa tendencia a falar das cousas negativas, a reflexionar sobre o que vai mal, darlle voltas constantes ao que parece non funcionar (ou quizá non o fai coa velocidade que esperamos), insistir nos momentos conflictivos sen darnos conta e ser realmente conscientes das cousas que melloraron, os momentos que disfrutamos, as situacións que nos fixeron aprender e disfrutar xuntos, as risas que compartimos ou as relacións afectivas que establecemos cada día. En moitas ocasións, os conflictos e os problemas son oportunidades de repensar cousas, de buscar camiños diferentes, de plantexar puntos de vista diferentes e de chegar a acordos conxuntos. O conflicto ven a demostrar que somos diversos/as e vemos a realidade de maneiras diferentes e por iso temos que ir asumindo que hai principios que debemos defender, por suposto, e hai outras opinións, desexos, ideas ou comportamentos que deberemos estar dispostos/as a valorar doutro xeito (se non somos capaces de cambialos totalmente).
Na escola intentamos que, dentro dun grupo de alumnos/as diversos/as, se valore a importancia de respectar certas normas básicas na procura dun ambiente agradable e se inicie a reflexión sobre valores universais. Todos entendemos que a empatía, o sentido do xustiza, o respecto ás diferencias, a solidariedade e a equidade son valores en certo modo abstractos que requiren ter unha madurez intelectual e emocional, por iso moitos comportamentos que vemos en nenos/as pequenos/as teñen que ver coa súa madurez e, tamén, cos modelos que lles ofrecemos, e cos exemplos que lles aportamos. Por iso educar nenos e nenas íntegros/as con valores é un traballo que leva tempo no que temos que implicarnos os docentes e as familias por igual (e xa sería fantástico que outros "axentes" educadores -medios de comunicación,editoriais, fabricantes de xoguetes, publicitarios, concellos, centros culturais, negocios relacionados co ocio dos peques etc.- colaboraran neste proceso educativo dos máis pequenos).
Todo isto déixoo aquí como propostas de reflexión, como puntos sobre os que podemos conversar e mesmo discutir (e insisto no significado de discutir: analizar profundamente unha cuestión, examinar, debatir, razonar) non para incidir en aspectos negativos.
E precisamente porque me gustaría deixar constancia de que na aula pasamos momentos estupendos todos/as xuntos/as, dos que moitas veces non se fala, quero compartir con vós un vídeo que recolle moitos sorrisos que eu tiven a sorte de ver na Pementeira ao longo do 1º trimestre. Así que como remate do 2024 e inicio do 2025, co desexo de que nos traia saúde, aprendizaxes, sorrisos e moito amor (polos demais, pola cultura, polo planeta...) aquí tedes un recopilatorio de sorrisos:
Que bonito vídeo😊 Moitas grazas Teté por darnos a oportunidade de ver o día a día do cole dende as nosas casas🥰
ResponderEliminarGrazas a ti por colaborar e aportar sempre! e grazas por visitar o blog e deixar o teu comentario!
Eliminar