Fai xa tempo que non mostro os avances que imos facendo nas sesións de ioga. Como hai tantas cousas que contar, parece que as rutinas, as tarefas habituais quedan un pouco esquecidas. Pero hoxe vou deixar aquí unhas imaxes da última práctica de ioga que fixemos na Pementeira. Fixemos estiramentos, coma sempre para iniciar a sesión, pero tamén traballamos equilibrio e unhas torsións.
Pasando a outras cousas, estamos disfrutando moito coa lectura e a escoita de fragmentos musicais da ópera "A frauta máxica" de Mozart. Xa coñecemos a todos os personaxes: Tamino e Pamina, Papageno e Papagena, a raíña da Noite e Sarastro, Monóstatos, as Tres Damas, Os tres mozos con ollos de cor da mel, o dragón.... Cada mañán os pementeiros e pementeiras queren saber máis. Agora Tamino e Papgeno ten que pasar por unhas difíciles probas, por retos perigosos para lograr o amor de Pamina e aínda non sabemos como vai superar estas situacións tan complexas. Que nervios! Escoitamos con atención o relato, escribimos os nomes da personaxes e dámoslles cor, e escoitamos música mentres traballamos.
Seguimos aprendendo moitas cousas das aves a través das nosas lecturas, dos vídeos e dos retos. os últimos retos foron moi interesantes. Un deles ten que ver coa antiga civilización exipcia que tanto me interesa a min. A pregunta foi a seguinte:
¿Qué ave era sagrada para os antigos exipcios e de feito a momificaban coma aos faraóns?
Pois o luns chegaron dúas pementeiras coa resposta correcta: o ibis sagrado.
Os exipcios consideraban que o ibis era o mensaxeiro do deus Thot que se representaba nos xeroglíficos e nas pinturas coa cabeza dun ibis.
O outro reto xurdeu porque a profe Ana estivo colocando no corredor de infantil unhas cegoñas que fixeron na súa aula. Mirade que ben quedou!
Iso fixo que nos preguntáramos por que as cegoñas constrúen os seus niños nos campanarios, nas torres, no alto dun edificio, nun poste da luz... sempre en lugares altos en zonas urbanas. hoxe Eros e Irea averiguaron que o motivo é manterse a salvo dos depredadores, e normalmente onde vivimos os seres humanos hai menos depredadores. Aileen investigou tamén algo das cegoñas pero relativo á migración e explicounos que estas aves migran escapando do frío no inverno e do exceso de calor no verán. As cegoñas son aves migratorias que buscan o clima axeitado para elas, así que cando fai moito frío no inverno, voan por exemplo a África que ten un inverno máis suave pero cando empezan alí a subir as temperaturas coa chegada da primavera, entón regresan aquí que temos unha primavera máis suave.
Pero aínda que traballamos e aprendemos moito tamén temos tempo de xogar, e pasar ratiños con actividades máis libres que nos permiten intercambiar conversas cos compañeiros e compañeiras. Agora o lince é un dos xogos favoritos pero os libros do noso avecuncho tamén causan furor e como hai moitos avances na lectura, xa moitos nenos e nenas van lendo información e xurden charlas interesantes.
E aínda temos máis cousas que contar pero mañán é outro día. Seguiremos informando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario