UN DOS PRINCIPAIS OBXECTIVOS DA EDUCACIÓN DEBE SER AMPLIAR AS VENTÁS POLAS QUE VEMOS O MUNDO. Arnold H. Glasow
viernes, 17 de enero de 2025
RETOS, ÓPERA, MITOLOXÍA, VIAXES...
Levamos varios días sen mostrar as actividades que estamos a facer no cole pero xa sei que algunhas pementeiras contaron cousiñas na casa. Certamente o inicio do segundo trimestre está sendo moi intenso e estamos traballando moito, investigando, cantando, creando e iniciando tarefas novas. Temos moitas cousas que contar. Pero, imos ir pouco a pouco contando as novedades deste segundo trimestre.
Para empezar, os últimos retos que foron propostos na Pementeira leváronos a descubrimentos moi interesantes. O proxecto "Plumas" está resultando moi productivo porque nos permite percorrer camiños moi diversos. Por exemplo achegarnos ao mundo da ópera. Fai uns días faleilles aos peques de Mozart e pregunteilles qué personaxe da Frauta Máxica tiña algo que ver cos paxaros, coas aves. indira chegou ao día seguinte coa resposta: Papageno.
é un personaxe moi divertido, moi peculiar, é un cazador de paxaros un pouco toliño, que conta algunhas mentiras, que vai de valente e resulta que é un pouco cobardica. Traballa para a Raiña da Noite e métese nunha serie de aventuras con Tamino. Papageno aparece tocando un instrumento musical que os pementeiros/as non coñecían. E aí xurdeu outro reto, averiguar como se chamaba ese instrumento. E Mateo Lobato e Aileen descubriron que se chama "frauta de Pan" pero non é porque esté feita de pan, senón porque a tocaba o deus Pan, que era un ser híbrido con patas e cornos de carneiro e torso humano, o deus dos pastores e os rebaños.
Outro reto proposto foi averiguar como se chaman as persoas que estudan e investigan as aves. Outra vez a pementeira Indira chegou coa resposta: Ornitólogos. A ciencia que estuda as aves é a ornitoloxía e os estudiosos/as das aves, os expertos/as nesta ciencia son os/as ornitólogos/as.
Este reto é importante para entender o título do noso novo libro viaxeiro que xa está en ruta.
E un reto máis foi averiguar qué flor ten nome de paxaro e Indira e Irea averiguaron que é "ave do paraíso", unha fermosa flor de brillantes cores, orixinaria de Sudáfrica, que recorda, pola súa morfoloxía, á cabeza dun paxaro.
Retomando o reto de Papageno e a Frauta Máxica de Mozart, estes días estamos lendo a historia e escoitando a música desta ópera que, si todo sae como esperamos, poderemos disfrutar dentro de pouco en Santiago. Xa coñecemos moitas personaxes e estamos interesados/as en saber que vai ocurrir con Pamina, se Tamino e papageno conseguirán liberala de Sarastro e o robusto sirviente Monóstatos. ¡Canta emoción cada día! Pasámolo moi ben con Tamino enfrentándose a un dragón, coas Tres Damas salvando a Tamino, co despistado papageno que chega tocando a frauta de pan, tropeza con tamino, conta unha mentira e acaba cun candado na boca por charlatán. A verdade é que a Frauta Máxica é unha aposta segura, sempre triunfa nas aulas de infantil. Seguiremos vivindo máis aventuras o luns, porque aínda non chegamos ao final da historia (por favor, mamás e papás, non lle contedes aos nenos/as como acaba, que está sendo moi emocionante).
Seguindo coa música, estamos escoitando moitas cancións sobre aves. Cada mañán, empezamos a xornada con música e coas cancións tamén aprendemos moitas cousas sobre paxaros e culturas milenarias. Déixovos aquí algunhas das cancións que soemos escoitar e algunhas cousiñas que imos aprendendo.
Como vedes con colibrí e co pelícano viaxamos ata Perú e coñecemos a cultuta Nasca e Chimú. Os pementeiros/as son moi viaxeiros/as e tamén nos traen fotos e agasallos das súas viaxes e teñen moitas cousas que contarnos. Por exemplo Mateo Lobato e Aileen mostráronnos fotos de Porto e de Madrid. Mateo visitou o Museo dos Descubrimentos (World of discoveries) que é todo un parque temático interactivo, moi interesante. Tamén visitou a Librería Lello e tróuxonos un precioso conto que nos encantou. Aileen visitou o Zoo de Madrid e disfrutou cos pingüíns, os flamencos, as cigoñas e moitas aves máis. Ambos chegaron moi felices ao cole coas súas anécdotas.
Irea tamén nos trouxo imaxes de Kirikú, que xa medrou moitísimo.
E para rematar esta entrada, tan chea de novas, quedan dúas cousiñas: a primeira é que estamos empezando a practicar con toda tranquilidade e sen presa, as grafías das letras minúsculas. Quero aclarar que non é un obxectivo de infantil. así que non temos que obsesionarnos con isto, simplemente como os nenos e nenas van evolucionando ben, están collendo soltura cos trazos, melloraron no seu control grafo-motriz, pois é un bo momento para ir familiarizándose con estas grafías que serán habituais para o curso que ven. Só se trata de ir coñecéndoas, de ir integrando a direccionalidade de cada trazo, practicando bucles etc. Eles/as teñen ganas de aprender, de"avanzar" con novas formas de escritura, para eles/as é como dar un paso adiante e isto é unha boa motivación. Pero espero que sigan escribindo coas maiúsculas que lles están axudando a ser moi autónomos na lecto-escritura. Non quero que por interiorizar novos trazos, frenen o proceso de aprender a ler e escribir como están facendo.
E a segunda cuestíón é que recibimos xa o primeiro número de Novas de Infantil deste curso 2024-25 e xa o estivemos lendo e comentando na aula. Supoño que todas as familias xa o recibíchedes nas vosas casas e espero que vos gustara (a pesar dun erro que cometemos a profe Ana e máis eu que foi o título do proxecto anual, un despiste a pesar de varias revisións que facemos mentres elaboramos o xornal, pois aínda así non nos demos conta que no apartado do proxecto esquecemos cambiar o título, así que espero que nos disculpedes, e nós na aula fixemos unha corrección de última hora para deixar claro que o noso proxecto é PLUMAS)
No hay comentarios:
Publicar un comentario