Hoxe Erik Vázquez fixo a súa presentación dunha importante personalidade Ubuntu, unha muller científica que co seu traballo aportou melloras considerables ao mundo da medicina e, polo tanto, axudou a mellorar a saúde de moita xente e a súa esperanza de vida: a bioquímica Gertrude Belle Elion.
Eu levaba toda a semana insistíndolle a Erik en que nos presentara a Gertrude B. Elion pero non estaba moi animado, eu penso que era máis ben inseguridade, decíame que non se acordaba do que tiña que dicir. Hoxe volvín a preguntarlle e díxome que xa faría a presentación despois, máis tarde... Pero como xa me imaxinaba que era porque estaba entretido falando e xogando cos compañeiros do equipo na asamblea, pois díxenlle que era moito mellor que nos contara xa todo o que sabía porque así podíamos facer mellor a ficha. E, por suposto, explicou todo moi ben, acordábase de moita información e nun periquete nos foi contando cousas interesantes sobre a vida e o traballo desta científica mentres víamos o power-point que fixeron na casa. Así que, ¡parabéns a Erik pola súa presentación! Estamos coñecendo a moita xente que resulta imprescindible para mellorar as nosas vidas. Neste momento no que a saúde é algo que nos preocupa tanto, coñecer a personalidades como G.B. Elion resulta esperanzador.
Erik contounos que Gertrude naceu en New York, que investigou moito para elaborar medicamentos para curar a leucemia, a malaria, as infeccións urinarias e para tratar aos pacientes con trasplantes de órganos.

