sábado, 24 de octubre de 2026

ACHÉGANSE O SAMAÍN E O CASTAÑAZOFEST

  Estamos a piques de rematar o mes de outubro e,polotanto, de celebrar a máxica festa do Samáin. Unha celebración ancestral que nos recorda que aínda seguimos conectados cos nosos antepasados e co poder da natureza. Ademais a celebración do Samaín tamén ten moito que ver co tema central do noso proxecto xa que sinala o fin da tempada da luz, as colleitas, o calor e a entrada na época escura, o inverno que nos obriga a resgardarnos, con esas longas e frías noites nas que hai que acender o lume e coller unha manchea de castañas para comelas ben quentiñas. 

     A luz das candeas, as fogueiras, os candís, ten un papel fundamental no Samaín. A súa función básica é iluminar o camiño ás ánimas. Creíase que na noite do 31 de outubro o mundo dos vivos e o dos mortos se entrelazaban, permitindo que as almas dos defuntos volvesen visitar os seus antigos fogares. A luz servía para guialas. 

     Pero a luz tamén tiña o poder de protexer dos malos espíritus.As fogueiras e os farois tamén se usaban como amuleto ou escudo fronte ás forzas escuras e os seres errantes.

   Na actualidade temos todo tipo de obxectos que nos permiten ter luz artificial pero non sempre foi así. Así que a xente que vivía centos ou miles de anos atrás, argallaba os seus propios artiluxios, con elementos naturais, para ter luz. Por exemplo nabos, cabazas e melóns baleirados. Tradicionalmente en Galicia baleirábanse nabos (e máis tarde tamén calacús/cabazas ou melóns), tallándolles caras e colocando unha candea ou vela dentro. Por suposto tamén se facían fogueiras e procesións con candeas. Encendíanse grandes lumes colectivos e realizábanse percorridos ou procesións con luces para simbolizar precisamente o paso da luz á escuridade e honrar os ciclos da natureza.


    No cole teremos, o vindeiro venres 30, a celebración do Samaín e o CastañazoFest (Magosto) como cada ano. Nesta ocasión, o equipo de actividades complementarias e extraescolares fainos unha proposta que é ao mesmo tempo divertida e terrorífica. O obxectivo é facer unha exposición de fotos samainescas, cheas de misterio, luces tenues e temblorosas, teas de araña, elementos que nos inspiren medo e tensión e que nos conecten co mundo do máis alá, das ánimas que vagan polos mundo dos mortos. Para iso temos que crear un recuncho enfeitizado na casa, con toda a imaxinación e sentido do humor que cadaquén queira empregar, e sacar unha foto que nos trasporte a ese mundo ancestral dos druídas, a Santa Compaña, os espíritos, os ritos de transición,  os bosques misteriosos que nos dá medo percorrer... 
    Veña, sorprendédenos coa vosa creatividade e botádelle humor. faremos unha exposición realmente inquietante.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

ACHÉGANSE O SAMAÍN E O CASTAÑAZOFEST

  Estamos a piques de rematar o mes de outubro e,polotanto, de celebrar a máxica festa do Samáin. Unha celebración ancestral que nos record...