As imaxes son importantes recursos para promover aprendizaxes especialmente cando traballamos con nenos e nenas pequenos, que aínda non len. Quero dicir que, partindo da base de que non están nese momento en que poidan decodificar signos escritos, os debuxos e fotografías son elementos que nos axudan a xerar emocións, a atraer a atención, a presentar contidos diversos, a estimular a memoria... Por iso eu emprego habitualmente na aula os Bits de Intelixencia, que ademais lles encantan. Cando traballo cos bits empezo simplemente mostrando a imaxe e dicindo o nome, pouco a pouco vou introducindo máis información e relacionando diferentes datos para que os nenos e nenas se vaian habituando a realizar asociacións e clasificacións de diferentes contidos, para que vaian iniciándose en tarefas de organización da información e de interconexión entre as aprendizaxes de áreas diferentes.
Aquí vos deixo algúns dese bits que os pementeiros e pementeiras coñecen por si queredes velos con eles e comprobar cantos teñen xa perfectamente identificados.



