viernes, 21 de abril de 2023

RESUMEN DA SEMANA

    Hoxe déixovos aquí un resumen do que estamos a facer estes últimos días. Imos despaciño. a verdade, porque a volta Pascua está resultando un pouco rara, hai moito sono en xeral (os nenos/as están cansos/as e iso fai que tamén estén máis irascibles), e está costando un pouquiño volver á rutina do cole, todo vai  despaciño e parece que non nos chegan as horas para facer moitas cousas. Estamos volvendo a recordar normas, que se esqueceron un pouco, e imos retomando todas as rutinas cotiáns para poder organizar mellor o tempo. Supoño que se xuntou todo: a Pascua, as vacacións, a primavera, as temperaturas altas... O caso é que estamos reflexionando sobre o importante que é tratar de facer as cousas en orden para poder estar todos e todas máis cómodos/as e felices na aula, e hai que aprender a ter paciencia, escoitar o que nos están a dicir e aproveitaremos o tempo moito mellor. De feito cando conseguimos centrar a atención, calmarnos e atender, as tarefas saen moito mellor, podemos aprender máis cousas e sempre nos dá tempo a xogar. Tamén nos momentos de xogo hai que aprender a compartir, a respectar normas, a establecer turnos e a xogar de xeito cooperativo sen discutir cos compañeiros/as. Esperemos conseguir que o trimestre vaia avanzando día a día e sigamos disfrutando coma sempre.

    Os últimos exploradores e exploradoras que saíron de xeito voluntario foron os seguintes:











  O luns tivemos a nosa sesións semanal de ioga. Seguimos traballando a coordinación de movementos, os estiramentos, o equilibrio e o coñecemento do corpo, investigando sobre os diferentes movementos que podemos facer e ata onde podemos chegar cada un. Tamén intentamos reforzar actitudes como a capacidade de escoitar, a observación, a concentración e paciencia.










    Agora estamos empleando un pouco de tempo en practicar tarefas relacionadas coa autonomía, como descalzarse e calzarse, quitar unha prenda de roupa ou poñela... Todo isto xera algún que outro enfado e pequenas frustracións porque se o pé non entra a primeira ou poñen os zapatos do revés, xa se enfadan ou choran, pero hai que ir superando estes pequenos contratempos porque medrar tamén é iso. É divertido facer ioga nas esterillas e iso require descalzarse e calzarse.


  Estivemos pintando un tulipán con témperas e aproveitei para contarlles que en Holanda abundan os tulipáns aínda que a orixe desta fermosa flor está en Turquía. 


  En Turquía xa sabemos que se encontra Santa Sofía de Constantinopla e en Holanda é onde naceu o pintor Vincent van Gogh. Xa coñecemos algunha pintura de Vincent van Gogh pero aproveitamos a chegada da primavera para coñecer outra obra. Mirade qué fermosura:









 




















  Quedaron moi ben porque, como vedes, os pementeiros/as avanzaron moito en cuestións como o control grafo-motor e cando traballan con calma e concentración os resultados son estupendos.
    Sempre deixamos algo de tempo para o xogo por recunchos, a lectura, as construcións e outros xogos de mesa ...


















     Por certo, esta semana disfrutamos moito cun libro de Hervé Tullet. Non sei se recordades que xa léramos na clase "Un Libro" (pois así se titula o libro de Tullet) e de feito compartín un vídeo desalectura no que se ve como había un pouco de desconcerto e de inseguridade nas caras dos peques, que non sabían o que ía ocurrir cando pulsaran un punto, ou axitaran o libro ou sopraran sobre el. E ante esa incertidumbre, se percibía certo "medo". Estes día lemos "Xogamos?" e "Colores" e foi divertidísmo, agora xa se nota que están máis seguros/as, e que xa sabían que as sorpresas do libro ían ser divertidas (pola semellanza co anterior) e, consecuentemente, as risas e as ganas de participar nese "xogo lector" foron moito máis abundantes que na lectura anterior. Tendo en conta que este fin de semana celebramos o Día do Libro, aproveito para animarvos a ler moito cos vosos fillos/as e a buscar xuntos os libros que máis lle guste, Os de Hervé Tullet son unha boa elección sempre.



     Eu tiña moita ilusión en que hoxe levaran todos/as un libro para a casa, para ler coa familia e empezar a rutina do Pasaporte Lector, pero finalmente non tiveron ganas de levalo, e eu non quería que fora unha actividade imposta, porque para min os libros son tan importantes que pretendo que sexa algo elexido voluntariamente, non imposto, así que espero que o próximo venres cambien de opinión e elixan un libro que lles guste para levar. Moitas veces, déixanse levar pola inercia e se un dí que non a algo, automáticamente os demais tamén o din, ou ben teñen ganas de opoñerse a algo que supoñen que eu lles mando facer. Son actitudes coas que están mostrando algunhas interpretacións que poden facer, ou que lle sirven para explorar as reaccións dos adultos, ou para experimentar coa súa independencia. Así que optei por non insistir, e así darlles a opción de tomar decisións e de "analizar" se fixeron realmente o que querían. Dixenlles que me daba pena pero que esperaba que outro día tiveran máis ganas. ¡A ver se o consigo!

    Aínda quedan cousas por contar pero deixámolas para a semana que ven porque hai que rematalas. Así que, dentro de pouco, continuaremos informando do que ocurre pola Pementeira.
Bo fin de semana! Bo Día do Libro!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

UN CONCERTO MOI ESPECIAL

        A verdade é que, ultimamente, estamos moi entretidos no cole xa que hai diferentes actividades que nos van sorprendendo de cando en ...