sábado, 29 de abril de 2023

FEIRA DO LIBRO, PANTALLAS NOVAS, LIBROS DE FIN DE SEMANA... ¡CANTAS COUSAS NESTA SEMANA!

     Esta semana estivo chea de sorpresas e de imprevistos, tamén. O martes visitamos a Feira do Libro na biblioteca do cole. Algúns nenos e nenas miraron con atención os exemplares que se expoñían para ir despois pola tarde mercalos. E ben sei que así o fixeron.





















  Cando baixábamos da biblioteca estivemos vendo os paneis informativos que fixeron os alumnos/as de primaria sobre os productos da horta que se plantan e se recollen en cada un dos meses do ano.


   Nós xa rematamos completamente o noso panel sobre o outono, escribindo os nomes das froitas e verduras. ¡Quedou moi ben!
















   Mentres imos algúns están escribindo, outros/as teñen tempo de xogar, facer puzles, ler libros e moitas cousas máis. 
                                                
      O xoves tivemos outra sorpresa. Cando chegamos ao cole estaban uns operarios instalando unha nova pantalla na aula. É espectacular. Podemos escribir nela sen xiz e sen rotus e cambiar de cores cando queremos, podemos ver vídeos e ata vernos a nós mesmos como se estiveramos alí dentro. Ten moitas posibilidades pero temos que explorar todas as súas funcións e ir collendo soltura no seu manexo. Algúns xa se animaron a escribir o nome...
















   E o venres, por fin, os pementeiros e pementeiras se animaron a levar un libro para ler na casa coa familia e facer unha ficha de rexistro de lectura. Puxemos nunha mesa moitos dos libros que xa lemos ao lingo do curso para que cada un poidera elixir o que máis lle apetecera. Houbo algunha pequena discusión porque sigue costando iso de respectar turnos e de comprender que non sempre prevalecen os nosos desexos sobre os dos demais, pero finalmente creo que todos/as marcharon ben felices cadaquén co seu libro, ou polo menos así o mostraban as súas caras. Ademais, por sorte, hai 4 días para disfrutar da lectura xa que non volvemos ao cole ata o mércores. Espero que teñades un momentiño para compartir cos peques esas lecturas tan divertidas e interesantes e que se animen a cubrir ese rexistro de lecturas, poñendo o nome na ficha, facendo un debuxiño e marcando canto lles gustou o libro.













          ¿E que estaremos preparando con estas fotos? Misterio, misterioso! Esperemos que prontiño poidamos mostrarvos o que estamos argallando. 





















   Veña, a disfrutar da fin de semana e os días festivos. A descansar moito, tamén, para volver ao cole o mércores con moitas ganas de rematar todas as cousas que aínda temos pendentes.









1 comentario:

  1. Que boa pinta ten esa pantalla👏👏 Que ilusión e que bos recordos, o libro viaxeiro 🥰
    Algo por aquí sabemos do que argallades, un paxariño algo nós contou 😅👏👏deseando ver o resultado final😍

    ResponderEliminar

UN CONCERTO MOI ESPECIAL

        A verdade é que, ultimamente, estamos moi entretidos no cole xa que hai diferentes actividades que nos van sorprendendo de cando en ...