Os progresos nas diferentes aprendizaxes son moi evidentes na Pementeira. pouco a pouco vanse superando certos medos e inseguridades (cando pensamos que non podemos facer algo, é difícil avanzar, así que hai que facer un traballo de recoñecemento dun mesmo, de traballar a autoconfianza e a superación de pequenas frustracións, de asumir que os erros son parte do proceso) e así, imos dando pasos que nos levan a medrar, a acadar novos obxectivos.
O concepto de suma está comprendido e iso é importante, comprender que podemos xuntas dúas cantidades e algo relativamente sinxelo que cada neno/a experimenta na súa vida cotián. Pouco a pouco fomos integrando o uso dos signos e no panel, cada día, sumamos os nenos e nenas que hai na aula e colocamos a suma na pizarra. Xa sabemos que podemos escribir unha suma cun formato vertical ou horizontal, sabemos que cando non nos chegan os dedos da man para contar podemos gardar un número na cabeza, tamén podemos empregar axudas para contar como poden ser ábacos ou diferentes obxectos (policubos, regletas, bolas de plastilina ou calqueira outra cousa que teñamos a man).
Unha cousa importante que hai que reforzar é a interiorización da serie numérica e o recoñecemento dos números asociándoos á cantidade que representan. Iso é un traballo de simple entrenamento, de repetición, de facer algo con constancia e cotidianidade para que a forza de repetilo se automatice e deixe de supoñer un esforzo.
Todos/as os nenos/as da aula fixeron de xeito individual unha tarefa impresa de sumas e o resultado foi un éxito.
Como podedes ver todos/as saben xa facer sunmas sinxelas, o único que hai que facer agora é seguir practicando. Poden facer sumas empregando os seus dedos, a súa memoria gardando números na cabeza, utilizando obxectos que teñades pola casa (pinzas, os seus xoguetes, pezas dunha construción, calcetíns... o que teñades a man). O máis importante agora é coller soltura, afianzar ben a serie numérica (contar moito e facelo con atención e paciencia asegurándose que cada vez que "toquen" co dedo o obxecto que están contando digan o número correspondente, porque ás veces a man vai a un ritmo e o dedo a outro ritmo co cal o número que están pronunciando non vai acorde co obxecto que contan) e observar os números para asociar as cantidades coas grafías (moitas veces contan de memoria, parece que teñen ben adquirida a serie numérica pero despois non saben cal é a grafía de cada número, por iso é importante miralos e tamén escribilos para que vaian quedando grabados na memoria).
Aquí vos deixo, tamén, un vídeo moi sinxeliño co que poden ir aimilando visualmente que a suma implica xuntar cousas e que a media que imos engadindo unha unidade ao número anterior, imos avanzando na serie numérica, é dicir, a serie numérica desde o 0 implica ir avanzando engadindo cada vez unha unidade de maneira que medran as cantidades de xeito constante e progresivo.
E aproveito xa esta entrada para compartir as imaxes das últimas sesións de ioga. Estamos traballando moito o equilibrio, a resistencia, os estiramentos e as torsións. As posicións requiren observar, concentrarse e ter paciencia, como prácticamente todo na vida, avanzar nesta disciplina implica ser constante, practicar moito e non frustrase cando algo non nos sae a primeira vez. Os avances son evidentes e sei que estes peques están aprendendo que o esforzo vale a pena e a satisfacción cando se consigue unha boa asana é enorme e fai que nos sintamos moi ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario