domingo, 16 de noviembre de 2025

POESÍA E IOGA

    Xa nos estamos mergullando nun dos núcleos do noso PROXECTO BLABLALANDIA, a figura da poeta Gloria Fuertes e a súa poesía. Empezamos pouco a pouco a decorar os espazos de infantil e a aprender algunha sinxela recitación. 


   Decorar con imaxes estes espazos polos que nenas e nenos se moven cada día non é algo trivial ou carente de importancia. As ilustracións, debuxos, fotografías axudan a chamar a atención dos peques, a estimular os seus sentidos e fomentar a creatividade, a xerar diferentes emocións, a potenciar a curiosidade e as ganas de aprender e investigar, a relacionar conceptos e contidos traballados, e a facer o día  a día máis divertido e agradable.
    Os nenos e nenas da Pementeira xa coñecen a Gloria Fuertes e failles graza vela na entrada de infantil. Están memorizando as súas poesías e o venres fixemos a nosa primeira gravación recitando un poema.
    Ao principio todos/as querían recitar pero resulta que cando se enfrentaban así directamente á cámara non saían as palabras, falaban moi baixiño (e a cámara non rexistraba o sonido) ou querían recitar unha parte que xa estaba gravada por outro compañeiro/a. Así que houbo importantes aprendizaxes:
  • Cando traballamos en equipo hai que repartir tarefas e temos que asumir o que lle toca a cada un.
  • A atención é moi importante, hai que escoitar e ter paciencia.
  • Mentres gravamos temos que manter o silencio para non confundir ao compañeiro/a que está falando e para que se escoite claramente a súa voz.
  • Enfrentarse a unha cámara impón e é normal poñernos nerviosos/as; se non o facemos ben a primeira vez hai que repetir ou intentalo outro día.

     Estou moi orgullosa de que o quixeran intentar. O resultado final foi estupendo e fixemos a actividade rapidiño, non precisamos repetir case nada. 
   Quero felicitar a todos/as os que intentaron recitar porque ter ganas e valentía para facelo é o primeiro paso. Seguiremos practicando e facendo máis gravacións coma esta e seguro que pouco a pouco todas/os participarán. Penso que todo o grupo sabe a poesía ( e iso é o importante) e gravar é algo accesorio pero como eu sei que lles encanta verse nos vídeos quero que se vaian animando a facelo sen poñerse nerviosos/as porque non pasa nada (comprendo o que sinten porque poñerse diante dunha cámara non é doado e eu son a primeira que me poño nerviosa) e, finalmente, é moi divertido verse e compartir estas experiencias en familia.
   Mirade que ben quedou o poema "En mi cara redondita":


   Como todos os venres fixemos a nosa sesión de ioga semanal. Empezamos respirando profundo, estiramos corpo e extremidades e rematamos coa postura do "bebé feliz" (Ananda Balasana). Acabamos a sesión con moita enerxía positiva.









                                       


                                       



                              

                                  

                                   
                      
                                  
                                    

     





                                                                                                                         
                                       

                                       

No hay comentarios:

Publicar un comentario

FESTA DE NADAL

   Chegou o remate do trimestre e non sei a vós, pero a min pasóuseme rapidísimo. É certo que o tempo voa. No cole tivemos festa rachada cu...