Xa estou por aquí. A verdade é que ultimamente estiven publicando poucas entradas no blog porque había tarefas pendentes que rematar e outras cuestións que organizar, así que non me daba tempo a máis.Pero temos moitas cousas que contar xa que na Pementeira estamos facendo cousas cada día, tratando de avanzar en moitas cuestións e intentando ir adquirindo novas habilidades.
Unha das cousas que máis ilusión me fai contar é que o Libro dos Nomes da Pementeira está rematado e xa empezou a viaxar aos vosos domicilios. É un material elaborado expresamente para estas nenas e nenos, para que vaian identificando o seu nome (a maioría xa o recoñecen) pero tamén para ir identificando o dos compañeiros/as. A finalidade básica é motivar aos peques cara o proceso lecto-escritor e facelo dun xeito moi emocional xa que están presentes as familias, vós sodes tamén os protagonistas cos nenos e nenas, coas anécdotas que contades e coas vosas fotos de familia. Por iso é un libro bonito para ver e ler xuntos pero tamén ten unha parte máis pedagóxica, máis "técnica" por dicilo así posto que as letras móbiles e as tarxetas cos nomes permiten traballar o recoñecemento de palabras así como a descomposición en letras. Todo isto que poden facer como se fose un xogo está sentado unhas bases para a posterior adquisición da lecto-escritura. As nenas/os poden tocar a súa inicial e poden intentar recoñecer tactilmente outra cos ollos pechados. Así traballamos co sentido da vista, o sentido do oído pero tamén co sentido do tacto.
O libro ten moitas posibilidades, non é só un material para ler senón que leva un xogo con tarxetas para facer parellas, cada neno/a pode emparellarse cun animal que empece pola mesma inicial.
Pois ben, cada neno/a que o leve a casa vai poder telo 2 días, é dicir, se o levan un luns terán que traelo o mércores, se o levan o mércores poderán traelo o venres, e se o levan o venres terán que traelo de volta o luns. Espero que todos/as o disfrutedes en familia. e o coidedes con cariño e responsabilidade xa que ten que visitar 20 casas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario