Aínda que non levamos moitos días de curso, podemos e queremos xa comezar o novo proxecto anual co que imos investigar, experimentar, vivenciar e aprender un montón de conceptos e contidos de todo tipo. Tanto os nenos e nenas da Pementeira como as súas familias xa coñecen esta metodoloxía de traballo e aprendizaxe e isto implica que temos unhas bases ben asentadas. Así que é o momento de "iluminarse" co novo tema arredor do que imos organizar unha gran variedade de tarefas.
“A motivación impúlsanos a comezar e o hábito permítenos continuar” Jim Ryun
Pois ben para descubrir cal era o tema sobre o que imos investigar foi necesario atopar unha serie de pistas que nos indicarían o tema central do proxecto. Había moitas ganas de buscar pistas, moita presa, moita impulsividade e pouca paciencia. Así que teño de dicirque dúas das pistas tiven que descubrilas eu porque non houbo maneira de que as atoparan e iso que insistín en que si só buscaban polo chan, mirando para abaixo, non as ían ver. Pero nin con esas! (creo que este ano o gran traballo que vou ter que facer é convencelos de que é importante ter calma, escoitar, atender e facer caso dos consellos que se lles dan).
Despois de atopar as pistas, puxémolas todas xuntas, levámolas para a aula e alí con calma fomos vendo o que había. Con todos eses obxectos, imaxes, libros empezamos a elaborar hipóteses. Iso sempre dá traballo. Pensar, sacar conclusións, imaxinar, son accións que conlevan unha labor mental e tamén a capacidade de expresar ideas e a valentía de arriscar. Iso costa cada vez máis. é difícil asumir riscos e enfrentarse aos erros, todos os nenos e nenas queren gañar, queren acertar, queren que lles digan que todo está ben. Por iso ante a máis mínima inseguridade, prefiren non falar, non dar unha resposta, porque teñen medo a equivocarse. Anímovos a todos/as, pais e nais, a facer preguntas, a plantexarlles retos aos vosos fillos e fillas e a non dicirllles sempre que todas as respostas están ben. Hai que felicitar por pensar, por ter ideas, por imaxinar, por querer saber e normalizar os erros como parte do proceso. Non hai que dicirlles que todo está ben, porque non é certo, así que cando se equivoquen (todos/as nos equivocamos e con 4 anos vanse equivocar moitas veces lóxicamente) non hai que dramatizar, felicitamos polo intento e explicamos o que é correcto.
Ben, con todas estas pistas, Nicolás foi o primeiro en plantexar unha hipótese:
- Eu creo que imos investigar do sol porque hai gafas de ver o eclipse.
Boa hipótese, Non é totalmente precisa pero ten moito que ver. Aproveitamos esta primeira idea para plantexar outras hipóteses:
- Moi ben. O tema do proxecto non é exactamente o sol pero ten moito que ver con el. Así que mirade as outras pistasque hai na mesa, fixádevos ben en todas as cousas e pensade para que sirven, como son, que é o que vos chama a atención nelas, qué poder ter en común co sol... todas teñen algo en común.
Y entón chegou unha segunda hipótese. Daniela dixo:
- Eu creo que imos investigar a luz.
Eu sorprendida dixen:
- Moi ben, pode ser.Pero explícame por que pensas iso.
- Porque hai unha vela, e unha linterna e estas letras brillan (sinalando o título do libro BRILLO).
-Pois imos comprobalo (puxen as tres letras brillantes que tiña apartadas, L, U, Z, na mesa xunto coas outras pistas) e pedinlles que leran o que poñía.
Unha vez averiguado o tema, puxemos os nomes dos equipos. Son cousas descoñecidas para eles/as (ata o de agora) e falamos un pouquiño sobre esas imaxes. Tamén falamos brevemente do título do proxecto e despois de enviar a información ás familias, xa empezamos a recibir cousiñas para o recuncho.

No hay comentarios:
Publicar un comentario