viernes, 18 de noviembre de 2022

RESUMO DA SEMANA:PROXECTO EGERIA, IOGA, CONTOS E MÁIS COUSAS

     A semana pasada xa vos comentei que estabamos avanzando co Proxecto Egeria. Xa sabemos que Egeria foi unha muller que viviu fai moitos séculos, no que viña sendo a antiga Galicia (Gallaecia no Imperio Romano), e que non se conformaba con estar sempre na casa facendo as cousas que se esperaba que fixera unha muller, ela quería viaxar e coñecer o mundo, así que mercou un burro e emprendeu unha longa viaxe que a levou a Estambul (Constantinopla), Xerusalén e Exipto (por citar algúns lugares).


   E para que vexades que o título do noso proxecto está de plena actualidade, coméntovos (igual xa o sabedes) que acaban de inaugurar unha praza en Santiago de Compostela co seu nome e nela colocaron unha escultura cunha frase en latín que significa "As miñas irmás son a miña luz"

    Estamos organizando o recuncho de aula, empezamos xa a decorar os corredores e imos coñecendo algúns viaxeiros e algunhas viaxeiras importantes cos que podemos ir coñecendo o mundo. O mundo máis cercano, aquí na Terra, e o universo máis lonxano fóra deste Planeta Azul, no noso Sistema Solar.

   Noel trouxo algunhas cousiñas para o noso recuncho: unha nave espacial, un avión de madeira que se dirixe a París e unha maletiña de cartón, que nos ven moi ben para meter as cousas que necesitamos cando viaxamos.



   Así que, ademáis de Egeria, aproveitando a nave espacial de Noel, tamén coñecimos a outra intrépida muller que viaxou moi lonxe, tan lonxe que saiu do planeta Terra para darlle 48 voltas na súa nave espacial. Ela foi Valentina Tereshkova, a primeira muller cosmonauta. E aproveitando que saímos ao corredor a ver o mural de Valentina Tereshkova, xa coñecemos a Galileo Galilei e a Cristóbal Colón. Pero xa iremos proximamente contando máis cousas deles.








   Como vedes, ademais de ir coñecendo personaxes históricos relacionados coas viaxes, as expedicións, as aventuras ... tamén imos traballando cousiñas de lecto-escritura. Estamos familiarizándonos coas letras, identificando as iniciais, asociando palabras que empezan igual... Así, pouco a pouco, os nenos e nenas van facendo un traballo de recoñecemento e asociación de grafema e fonema e van sentando as bases para a posterior aprendizaxe da lectura, cando chegue o momento. Todo este traballo previo é moi importante para ir preparando o camiño, para ir entrando no proceso lecto-escritor dunha maneira natural, dando pequenos pasos e vendo que as letras, as palabras, están presentes en calqueira actividade cotiá e que nos sirven para aprender (obter información e datos)e tamén para disfrutar coa beleza dos relatos, as cancións,os poemas...










    De Cristóbal Colón aprendemos que foi un mariño que quería ir á India circunnavegando a Terra  coas súas carabelas pero que se atopou no medio do Océano cun continente que non se coñecía naquel momento: América. Cando "tropezou" con esa "nova" terra, el pensou que estaba na India pero non era así. Ese tropezón supuxo que chegaran a España novos alimentos, antes descoñecidos, como a patata, o tomate, o millo ou o cacao co que facemos o delicioso chocolate.
   De Galileo aprendemos que naceu en Pisa, onde está a famosa Torre inclinada que todos/as os pementeiros/as coñecen ben, que foi astrónomo e aínda que non inventou o telescopio sí que fabricou un propio mellorando o que xa existía, observou os aneis de Saturno, contou as estrelas da Constelación de Orión... Cando vivía Galileo non había naves espaciais pero seguro que si nacera máis tarde estaría encantado de viaxar ao espazo con Valentina Tereshkova.


   E tanto falar de viaxes, xa temos ganas de viaxar así que preparamos as maletas. Todos os pementeiros/as contestaron rapidamente que o que eles/as meterían nas maletas si fóramos de viaxe serían xoguetes e chuches, pero pouco a pouco fomos falando máis, procurando reflexionar sobre o que necesitamos candoandamos por aí adiante e non estamos na nosa casa e saíron máis cousas: roupa,zapatos, cepillo de dentes e pasta, cepillo para o pelo, algún conto, comida... E falando de maletas, contamos un fermoso conto que nos fala doutro tipo de viaxe, a viaxe que fai algunha xente porque ten que marchar do seu país e da súa casa porque ou non ten traballo, ou non estáseguro alí. E despois de escoitar e falar do conto, pintamos con acuarela a nosas maletas para marchar de viaxe.





































    Ademais de todas estas cousas sobre o Proxecto Egeria, sempre sacamos tempo para facer ioga, xogar, escribir o nome cos selos,  facer diferentes trazos para mellorar o control óculo-manual e a psicomotricidade fina (para despois aprender a escribir), pasar lista...

   O luns practicamos unha nova posición de relaxación  (Viparita Karani) que nos axuda a reducir a ansiedade, reduce a inflamación das pernas, axuda a conciliar o sono, mellora a irrigación cerebro e din que ata elimina as arrugas e as canas (non sei eu, a min parece que non me funciona tan ben pero bueno, seguirei intentándoo).


































    Os contos son moi importantes nas aulas en xeral, e especialmente nas de infantil. Cada día lemos xuntos un conto e así temos oportunidade de falar de moitas cousas interesantes. Hoxe coñecemos a Eleneja, un animaliño un tanto peculiar que nos mostrou que hai diferentes tipos de familias e que, ás veces, cando un neno/a ou un animaliño, como Eleneja, non ten familia propia, pode formar parte dunha familia de acollida que tamén lle dará amor e seguridade. Por certo, ¿alguén se imaxina por  que se chama Eleneja? Preguntádelle aos nenos e nenas a ver se volo explican...

    Esta historia tan bonita foi un fantástico lazo de unión entre o noso proxecto Egeria, que nos fala de viaxeiras e viaxeiros, e a celebración do Día Mundial dos Dereitos da Infancia e das Familias de Acollida que se conmemora o 20 de novembro. Eleneja foi acollida por unha familia de xirafas e, despois, viaxou polo mundo para descubrir as súas orixes. Cando averigou de onde procedía non pensedes que se esqueceu da súa familia, nin moito menos, xa que regresou coas xirafas que lle deran todo o seu amor cando era pequeniña e estaba soa no bosque.

                       
                                  




    Como vedes, houbo moita actividade ao longo da semana,pero a verdade é que non tiven moito tempo libre por iso concentrei tantas cousas nesta entrada do blog. E seguro que aínda me quedan por aí cousiñas por contar pero ímolo deixar para outra ocasión.
     Boa fin de semana! Disfrutade.

4 comentarios:

  1. Case ao principio do blog dis que Noel levou unhas cousiñas para o recuncho ...os demaid tamen teñen que levar algo?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Sí, claro, o recuncho é de todos. Aínda estamos empezando a poñer cousas, o primeiro que puxemos foron as pistasque atopamos no patio e que nos descubriron o tema do proxecto; despois puxemos algúns contos, libros que nos falan de viaxes e viaxeiros/as de todo tipo. Ao ir falando de todo isto, van xurdindo cousiñas nas conversas e a algún neno/a ocúrreselle traer algo da casa para mostrarllo aos compañeiros/as e contarlles algo. É totalmente voluntario e gustaríame que xurdira deles tamén, que tiveran ganas de compartir algo cos compañeiros/as. Pero claro, tampouco quero que sexa unha obligación nin moito menos. O recuncho pode acoller calqueira cousa que teña relación co proxecto. Ata o de agora fixemos pouqiño por iso, como vos poñía na nota informativa, a meduda que vaiamos descubrindo cousas xa as comparto e así ides vendo o que estamos a traballar, porque vos pode dar ideas se queredes mandar algo para o recuncho. É completamente voluntario. A min encántame que aporten cousas, claro!

      Eliminar
  2. Ola vexo que no principio do blog pos que Noel levou unhas cousiñas para o recuncho ... Teñen que levar cousas? Pregunto porque Indira non me dixo nada e igual aparecía no abalar ou nalgun correo e non o vin

    ResponderEliminar

XORNAL E LEÓNS

   Por fin recibimos o segundo exemplar de "Novas de Infantil" deste curso 2023-24. Tardou un pouquiño máis do previsto (a pesar d...