O día 25 de novembro é un día importante, un momento para a reflexión, para valorar a importancia de educar na igualdade de dereitos e oportunidades, para traballar o respecto entre homes e mulleres, para intentar traballar certos valores cos nenos e nenas que serán os homes e mulleres do futuro coa esperanza de que a nosa sociedade evolucione e e camiñe cara unha convivencia real baseada na liberdade, a xustiza, a tolerancia e a diversidade.
Estes temas son complexos, profundos, e que os nenos e nenas de 3 anos por suposto aínda non comprenden e tampouco se trata de explicarlles unha realidade tan dura como a que os adultos podemos vivir cada día en relación a este tema da violencia de xénero.
Por iso, onte e hoxe, simplemente o que intentamos foi presentarlles a través de contos, cancións, conversas e outras actividades, uns valores moi concretos que les e elas poidan ir comprendendo: que os homes e as mulleres somos iguais en dereitos e cpacidades, que debemos ter as mesmas oportunidades, que somos libres de elixir como queremos vivir, e que temos que respectarnos e tolerarnos uns aos outros.
Onte lemos un conto moi bonito, que tamén relacionamos co noso proxecto Egeria, titulado "Once damas atrevidas", e trata precisamente dise, de once mulleres intrépidas que queren viaxar polo mundo. Gustounos moito e ademais resulta que na nosa aula hai exactamente once damas atrevidas. Co cal este conto representa moi ben á Pementeira.
Despois do conto, todo o grupo colaborou na elaboración dun pequeno mural para esta conmemoración do 25N empregando a cor violeta e estampando coa esponxa (como xa fixéramos noutra ocasión).
E hoxe recibimos a Vanessa, do CIM Terras de Iria, que veu facer unha bonita actividade con todos os nenos e nenas de infantil do Rosalía. Partindo da canción de Rozalén "A porta violeta", cada neno e nena pintou a súa propia porta e sobre ela pegaron a súa foto, porque Vanessa ten unha mochila máxica e cando dixo "Abracadabra, pata de cabra", da mochila saíron as fotos dos nenos e nenas. Despois de pintar a porta de cor violeta, fixemos unha montaxe conxunta na porta de infantil con toas as portiñas pintadas e quedou moi chula e moi reivindicativa! ¡Grazas a Vanessa agora temos unha auténtica porta violeta no cole para animar a todas as mulleres a debuxar unha e saír por ela, para chegar a un prado verde, libres, e respirar, cantar e bailar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario