O 25 de maio celébrase o DÍA DE ÁFRICA. O gran continente africano, cuna da Humanidade, é un crisol de culturas, tradicións, arte, ritmos, paisaxes, foi e aínda é a gran despensa dos países do norte, onde se extraen productos de todo tipo desde o cacao ata o coltán que precisan os nosos móbiles, onde se capturaron seres humanos para esclavizalos e que os poderosos blancos poidesen enriquecerse e desde onde, tristemente, moita xente se embarca en pateras na procura dunha vida mellor.
Sei que esta introdución é pouco "infantil" pero África sempre está presente na miña aula e gústame falar dela e abrir os ollos dos máis pequenos para que poidan descubrir a historia, a beleza e a riqueza do noso continente veciño.
O luns 26 de maio tiven a sorte de poder coñecer a Boniface Ofogo na presentación do seu libro "Una vida de cuento" en Santiago, un acto organizado pola Editorial Kalandraka na libraría Numax. Boni, como lle chaman os seus amigos, é un contador de historias, un griot camerunés que tamén escribe contos infantiles recollendo algúns dos relatos orais que el escoitaba de pequeno na súa aldea natal. Un defensor da oralidade, do poder educativo e evocador da palabra, dos "contos no aire" como el di, un amante dos refráns, das lendas, da literatura e da comunicación. El di que os africanos e os galegos temos unha conexión especial que nos une e eu estou totalmente de acordo, un home divertido que conta anécdotas familiares e da súa aldea camerunesa cun sorriso amplo na cara pero que se volve serio defendendo o dereito dos africanos a decidir por si mesmos. Un narrador espontáneo e vivaz que salta da situación política actual, de Sankara ou de Mandela a explicar que a súa nai nin sabe cantos anos ten nin lle importa ou que os seus sobriños o esperan en Camerún para contarlle novos contos. Tiven a sorte de falar un pouco con el, por suposto de África e da miña profesión, conteille como se chama este blog e que na miña aula sempre está África presente, que temos "O león Kandinga" e agora xa temos outro conto máis e dedicado, que escoitamos música africana e tocamos o balafón, a korá ou o djembé, que todos os meus alumnos/as coñecen a miña pasión por África e que intento contaxiarlles ese amor. Esperamos que nalgunha ocasión veña Boni a contarnos unha das súas historias! Que pracer escoitalo! Que marabilla coñecer xente así de interesante.
Na Pementeira xa tiñamos "O león Kandinga" e agora tamén "A paso de tartaruga". Se clicades na imaxe de Boni podedes escoitalo falar da importancia dos contos.
Nós non temos un baobab no patio do cole pero o martes decidimos saír a fóra e disfrutar do conto á sombra das árbores.
.jpeg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario