A pesar de continuas interrupcións nestas últimas semanas, nós seguimos intentando manter unhas rutinas e realizar diferentes tarefas dentro da nosa xornada escolar. Así que seguimos achegándonos ás grafías das letras minúsculas, pintando cunhas preciosas acuarelas metalizadas e iniciándonos no acrosport.
O venres fixemos unha variación na nosa sesión de ioga semanal. Ultimamente estou tratando de propoñer tarefas e actividades nas que os pementeiros e pementeiras teñan que colaborar, traballar en equipo, actuar como un grupo compacto en lugar de pensar só nun mesmo (a ver se, pouco a pouco, imos conseguindo saír dun pensamento excesivamente centrado nun mesmo, no benestar propio e individual e na satisfacción inmediata e individualizada). Así que empezamos a experimentar cunhas figuras de Acrosport que requiren forza, equilibrio, flexibilidade (elementos que tamén traballamos co ioga) e que consisten en crear pirámides humanas, facer acrobacias e construír figuras cooperativas. O resultado, tendo en conta que era o primeiro día, foi moi bo. Algúns equipos conseguiron facer unha pirámide composta de 5 nenos/as mantendo o equilibrio. Non todos os grupos forn capaces de facelo porque tamén é preciso concentración, paciencia, resistencia e a capacidade de manterse estáticos/as... e iso non se consigue no primeiro intento.
Despois fixemos un xogo de equipo no que había que construir un túnel (levou o seu tempo) e varias serpes tiñan que percorrelo de principio a fin reptando. Foi moi divertido!
E, para finalizar esta entrada, teño que compartir aquí unhas cancións que escoitamos diariamente no cole porque hai unha pementeira en concreto que mo leva pedindo varios días porque as quere poñer na casa e hai algunha que non lle aparece na búsqueda. Así que alá van.
No hay comentarios:
Publicar un comentario