Recibimos máis tarxetas de felicitación para participar no concurso que organiza o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua. Mirade que traballiños tan chulos fixeron estes pementeiros e pementeiras na casa.
Tamén houbo máis aportacións para a campaña 1Kg./1 libro. Hoxe precisamente remataba a recollida de alimentos. Grazas a todos/as os que vos animástedes a colaborar. É moi importante para os peques ver que mamá e papá queren axudar a aquelas persoas que viven situacións complicadas, é unha boa aprendizaxe para eles/as.
Pintamos unha Fada do Outono; había que apresurarse porque xa queda pouco para que remate esta estación e tocaría pintar a Fada do Inverno!. Algúns nenos e nenas xa a remataron.
O venres pasado fixemos a nosa primeira sesión de ioga en esterilla. Como auténticos yoguis, temos que descalzarnos e situarnos cada un nunha esterilla; así é moito máis cómodo, temos cada un o noso espazo, podemos facer as asanas con máis precisión ao estar descalzos e, por suposto, non collemos frío porque non estamos en contacto directo co chan. Aproveitamos para facer as posicións que estivemos vendo no libro que nos trouxo María. En cantotodos/asteñan máis soltura calzándose e descalzándose así como quitando e poñendo mandilóns, faremos yoga descalzose sen mandilón porque é máis cómodo e vense mellor as asanas.
A que así parecen auténticos/as profesionais? Agora hai que perfeccionar tamén iso de calzarse sós, non poñer os tenis doutro compañeiro/a, axudar a recoller as esterillas, poñer o mandilón rapidiño para merendar e cousas así que nos facilitan poder facer moitas máis actividades divertidas no cole. Xa avanzaron moito e seguro que pronto terán moita máis soltura nestas rutinas e todo será totalmente automático e fluído.
O martes a profe Salomé veu a infantil para ensinarnos unha panxoliña empregando a lingua de signos. Os pementeiros e pementeiras estiveron moi atentos tratando de colocar as mans de xeito correcto para poder expresar os distintos conceptos.
E seguimos traballando nunha tarefa que xa empezamos a semana pasada e que, esperemos, estará rematada para o día que den as vacacións. Así vai progresando o traballo, pouco a pouco.












No hay comentarios:
Publicar un comentario