Outra semana de moitas celebracións: o día 22 de abril conmemoramos o Día da Terra e o 23 o Día do Libro.
O mércores empezamos moi ben a xornada cun conto que triunfou entre os pementeiros e pementeiras. Encantoulles, levaron sorpresas, botaron unhas risas e ata me adicaron un aplauso final. A verdade é que un conto moi bonito, un conto que nunca ten fin porque lle podes dar as voltas que queiras: UN BECHO ESTRAÑO.
Tamén estivemos vendo os vídeos nos que eles/as son protagonistas, facendo ioga e tocando os instrumentos musicais africanos, porque lles encanta verse e algúns/has non os viran aínda.
Despois estivemos reflexionando sobre a importancia de coidar o noso planeta e falamos dalgunhas cousiñas que todos/as podemos facer: non empregar tanto plástico, reciclar papel e cristal, empregar menos o coche, non tirar basura nos montes, ríos e mares... Para ter un recordo deste especial Día da Terra coloreamos un debuxo con dous superheroes que queren facer do noso planeta azul un mellor lugar para vivir.
Tivemos a nosa sesión semanal de psicomotricidade e pasámolo xenial cun circuito que poñía a proba a velocidade, o equilibrio, o control corporal global, a atención, a memoria e a coordinación xeral para facer movementos diversos.Mirade as fotos porque as imaxes valen máis que as miñas palabras. Foi realmente divertido.
O Día do Libro celebrámolo lendo e disfrutando dos libros como debe ser. Como xa sabedes, o 23 de abril celébrase San Jordi en comunidades como por exemplo Cataluña. É tradicional agasallar con libros e rosas vermellas ás persoas queridas. Ander trouxo unha rosa moi especial, mirade que bonita. Así que aproveitando este detalle lemos a historia de San Xurxo e o dragón.
Colocamos máis portadas de contos na nosa exposición do corredor. Mirade que ben está quedando.
E rematamos a xornada do xoves disfrutando dos fermosos e interesantes libros que temos na aula. Sempre hai que buscar tempo para conectar cos libros, viaxar polas súas ilustracións, soñar coas súas palabras e vivenciar as historias. Non hai mellor amigo que un libro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario