Hoxe imos adicar o día á POESÍA. Xa sabedes que a min me gusta moito xogar coas rimas e crear as miñas propias poesías. Así que a proposta para esta xornada é que pasedes un pouco de tempo lendo estes fermosos poemas e disfrutando con eles.
E se vos apetece buscar palabras que rimen, podedes completar os espazos vacíos deste poema coas palabras que mellor encaixen.
Empezamos a semana con música. Xa falamos outro día das figuras musicais, pero hoxe imos recordar canto dura cada figura e imos xogar a facer combinacións con elas.
Recordamos: a redonda ten unha duración de 4 tempos, a blanca 2 tempos, a negra 1 tempo, a corchea 1/2 tempo e a semicorchea 1/4 tempo.
Nestes vídeos explícanvos con claridade a duración das figuras musicais.
Agora sabendo esto, aquí vai a miña proposta para traballar coa música pero divertíndonos e pasando un rato animado e cheo de creatividade.
O meu personaxe extraordinario é este, e xa ten nome. ¿Eres capaz de lelo? Agora debuxa ti o teu personaxe, como ti queiras, e despois escribe o seu nome empregando figuras musicais.
E si queredes seguir xogando coa música podedes imprimir e recortar estas tarxetiñas que indican distintas maneiras de facer percusión corporal, e facer distintas combinacións con elas de maneira que mirando a secuencia que cada un compón podedes "tocar" distintas melodías con percusión corporal. ¡Xa veredes que divertido é!
Hoxe teño una proposta floral. Quero que vos acheguedes un pouquiño as flores silvestres que podemos observar cada día cando saímos a dar un paseo polo campo. Todo o mundo coñece as flores cultivadas, as flores que se venden nas floristerias e se regalan en ocasións especiais: as rosas, os crisantemos, as orquídeas, os claveles, as dalias, os lirios, as calas... en fin, centos de flores. Pero salpicando os nosos campos hai moitísimas flores que poden pasarnos desapercibidas pero que enchen de cores e de beleza os montes, as beiras dos camiños e dos ríos e os prados.
Así que invítovos a observar con calma esas pequenas flores, a miralas con paciencia, a pensar cales vos gustan máis, a debuxalas e pintalas e a regalarllas a quen vos queirades.
Comparto con vos dous vídeos, un sobre a DEDALEIRA, unha flor que a min me gusta moito e que me trae moitos recordos da infancia; e outro que é simplemente una mostra do meu traballo pintando flores con acuarela.
Sobre a dedaleira, dicirvos que o seu nome técnico é DIGITALIS PURPÚREA. DIGITUS é a palabra en latín para Dedo. O nome desta flor deriva de digitus porque a flor ten forma de dedos e ten color púrpura. Por iso se denominou digitalis purpúrea. A traducción máis común é dedaleira. Pero en galego recóllense ata 60 nomes para esta flor: croques, estalotes, estalos, estalocres, seoanes, herbas de San Xoán, abeloura, aveluria, mlicroque etc.
En inglés ten dous nomes que a min me encantan: FOXGLOVES (luvas de raposo) e FAIRYFINGERS (dedos de fada)
A dedaleira é unha planta da que se extrae unha sustancia que parece ser boa para curar certas enfermedades cardíacas pero co hai que ter coidado porque pode ser tóxica e provocar danos. Por iso a nós de pequenos sempre nos dicían. cando xogábamos a estalar croques, que non estivéramos tocando esa planta constantemente porque era perigosa. Como xa sabedes, na natureza hai moitas plantas que se empregan para combatir enfermedades pero tamén sabedes que certas sustancias que nos poden curar en certas ocasións poden ser tóxicas e nocivas si as tomamos en dosis inaxeitadas ou en momentos inapropiados. Pero, non é preciso tocala nin xogar con ela, o que si podemos facer é admirala, observar as súas cores e disfrutala cando paseamos.
Resumindo: a miña proposta de hoxe é a seguinte...
1.- Dade un paseíño polo campo e observade tranquilamente os campos. Podedes sacar fotos.
2.- Buscade flores silvestres. Elexide as que máis vos gusten (pola súa forma, polas cores...)
3.- Debuxade as flores que vos gustan. Podemos empregar ese debuxos como homenaxe a toda a xente que está traballando nestes meses de confinamento para facilitarnos a vida aos demais, empezando polos médicos, enfermeiras e todo o personal sanitario que fai posible que nos hospitais poian atender e curar a tanta xente, os traballadores de supermercados e tendas de alimentación, farmacias, os transportistas, os policías, bombeiros e persoal de seguridade etc.
Flores para todos/as os/as traballadores/as que día a día saen ás rúas para garantizarnos comida, saúde e seguridade a todos.
Hoxe celebramos o aniversario do pintor español Salvador Dalí que naceu un 11 de maio de 1904. Un personaxe moi peculiar, co seu característico bigote, con comportamentos extravagantes, pero un xenial pintor surrealista que nos deixa abraiados coas súas obras cheas de fantasía, de imaxinación desbordante, de simbolismo, de soños increíbles, de obxectos fantásticos e personaxes extraordinarios.
Seguro que todos coñecedes eses reloxios que se derreten ("A persistencia da memoria"), os elefantes de patas longuísimas ("Elefantes") e, por suposto a súa famosísima "Muller na ventá".
Esta obra, "Muller na ventá" representa moi ben o que estamos vivindo nestes últimos meses. As obras de arte están vivas e sempre teñen unha conexión co presente aínda que os pintores que as crearon viviran realidades diferentes as nosas. Porque no fondo, as circunstancias da vida da xente se repiten na súa esencia, e nós durante estes meses seguro que moitos días miramos cada fóra desde as nosas fiestras, sin poder saír, igual que ela que, en soedade, contempla a paisaxe que se ve desde a súa casa. ¿Qué pensará? Podedes imaxinar unha historia sobre ela, contando por qué non sae, qué pensa, por qué está soa, quizá espera a alguén, ou simplemente disfruta da vista do mar nun momento de descanso no seu traballo...
Ben, pois para celebrar o aniversario de Dalí hoxe, unha vez máis adicamos a entrada do blog á ARTE. Podedes ver o conto "O soño de Dalí" clicando na imaxe do pintor que se atopa na columna dereita do blog, no apartado Personaxe do día.
Tamén podedes ver outro conto moi bonito que se titula "The dot" ("El punto") sobre unha nena que está desanimada porque cree que ela non pintar, non sabe crear, non sirve para ser artista pero a súa profe lle demostra que todos podemos facer cousas pero hai que lanzarse, hai que perder medos e deixarse levar...
¡Canto me gustaría que todos vos fixérades o mesmo e empezárads a expresar as vosas emocións pintando e creando! ¡Animádevos!
O outro día compartir un vídeo cunha técnica moi sinxela para pintar unha rama de cereixo en flor. Ben, estou moi contenta porque alguén se animou a facer a súa versión pintando cos bastonciños. Aquí están os traballos de Carlota, Cristina e Violeta.
Valentina (de 4 anos) tamén se animou a facer a súa versión da rama de cereixo en flor e a súa mamá enviounos un vídeo que a mostra en pleno proceso creativo pintando con entusiasmo e creatividade. ¡Encántame poder contemplar estes momentos de liberdade! Agora que non podemos estar nas aulas e ver como cada neno se lanza a crear, é moi agradable recibir estes vídeos. ¡Parabéns a todas estas chicas artistas!
Se queredes prácticar outra técnica de pintura tamén moi sinxela, divertida e moi lucida, aquí vos deixo outro vídeo para pintar árbores con simples puntos de cores. Do que se trata é de colocar uns puntos con diferentes tonos de verdes, azules, amarelos e mesmo laranxa e vermello, Despois cun pincel redondeado e sempre colocándoo en vertical, imos dando golpiños suaves sobre os puntos de cores de maneira que estes se vaian mesturando, pero suavemente, sen que perdan a súa forza e intensidade propias. Se os mesturades todos sen control só conseguiredes unha mancha marrón ou negra e non vai lucir. Ao final podedes darlle algúns retoques nas ramas ou o tronco da árbore ou dándolle uns puntos de luminosidade cun verde máis claro ou un pouco de cor branca.¡Mirade! ¡A ver que vos parece! E xa sabedes que si me mandades imaxes das vosas creacións, poreime moi contenta.
Por outra banda, Cristina e Violeta coa súa mamá tamén tiveron tempo de facer yoga, o cal me encanta, pero o que me fixo máis graza é que a súa mamá lles sacou fotos practicando co vídeo que eu preparei como exemplo. ¡Qué situación tan curiosa! Este confinamento levounos a esas cousas. Eu vexo moitos vídeos que me axudan a mellorar a miña práctica agora que non podo asistir ás miñas sesións semanais coa miña profe, que me fan tanta falta. E agora, con toda a miña boa vontade, intento preparar cousiñas para que os peques do Rosalía sigan en contacto co cole e coas súas profes que, aínda que estemos nas nosas casas, seguimos intentando aportar algo a todas as familias que se esforzan día a día por manter activas as aprendizaxes dos pequenos. Desde aquí as miñas felicitacións a todas as familias. E grazas por valorar tan positivamente estes intentos de estar presentes.
¿Qué faríamos das nosas vidas se non tivéramos arte? Sería moi triste ter que vivir sin música, sin dana, sin literatura, sin pintura, sin escultura, sin teatro... Por sorte, aínda en tempos complicados como os que estamos a vivir, sin poder apenas saír de casa, sin ver aos amigos, sin ir ao parque nin ao cole, aínda así, podemos agarrarnos un pouquiño a esas cousas que nos fan disfrutar, sorrir e sentir emocións positivas.
Como xa sabedes a min encántame pintar, así que hoxe quero propoñervos unha actividade plástica moi sinxela pero moi vistosa.
¿Sabedes o que lles ocurre a certas árbores, como por exemplo os cereixos, na primavera?
Pois isto é o que lles ocurre, mirade...
Espectacular, verdade? Pois sí, as árbores froiteiras na primavera énchense de flores e despois das flores brotarán os froitos.
Pois agora que sabemos que a partir das flores se van formando os froitos que despois nós comemos, ¿qué vos parece se nos poñemos a nosa personalidade de artistas creativos e empezamos a pintar?
¡Adiante, artistivos, digo creatistas, digo artistas creativos, a pintaaaaaaaaaar!
Si mirades este vídeo que vos preparei poderedes facer unha rama de cereixo en flor tan chea de flores, tan fermosa e tan primaveral como a da fotografía que vos mostrei máis arriba.
Agora é o voso turno. Xa sabedes que se queredes mostrarme a vosa pintura, e estarei encantadísima de vela, apreciala e compartila aquí no blog con todos os que nos visiten. E se queredes contemplar outras obras de arte cheas de flores, de cores, e de vitalidade aquí vos deixo outro vídeo feito con algunhas das representacións de flores, xardíns e árbores en primavera máis representativas da Historia da Arte. Podedes empregar o vídeo a modo de Bits de Intelixencia. Para as mamás e papás que non estén moi habituados a empregar este tipo de recursos (o que é lóxico se non traballades no ámbito da educación), non vos preocupedes, é moi, moi sinxelo. Simplemente consiste en mostrar aos nenos/as imaxes (sobre calqueira tema que nos interese nun momento concreto) de xeito fluído, sen pararse moito e decíndolles o que lle estamos a mostrar (pero sin dar explicacións longas). Son estímulos claros e breves que despertan cerebro, activan a memoria auditiva e visual, potencian a intelixencia. Axudan a mellorar a concentración, favorecen a adquisición de novo vocabulario e a retención de información.Normalmente móstranse eses estímulos unha vez cada día. Poden ser tarxetas impresas ou como neste caso, imaxes nun vídeo. Así que simplemente teríades que poñerlle o vídeo e decirlle o título e autor de cada obra. E iso facelo durante varios días. Descubriredes o rápido que recordan a información. A partir de aí xa podedes ampliar cousas a gusto do neno ou nena: buscar información sobre a obra que máis lle gustou, buscar máis obras dese pintor, averiguar onde vivía ou onde pintou o cadro, investigar sobre a época na que viviu o pintor etc.
Pasade un bo día e nunca vos esquezades de disfrutar coa arte.
Hoxe propóñovos unha nova sesión de yoga para estirar ben o noso corpo e recordar algunha das ASANAS que facíamos no cole. Nesta ocasión gravei un vídeo para que, si vos apetece e vos resulta cómodo, sigades o mesmo esquema para ir pasando dunha posición a outra. Podedes permanecer máis tempo en cada asana se queredes, eu intentei facelas dun xeito dinámico para non facer un vídeo excesivamente longo pero podedes variar os tempos de realización da rutina ao voso gusto. Estaría ben, que cada día intentárades aguantar un pouquiño máis en cada posición (ao principio contade ata 5, despois ata 10 ou 20). Tampouco é preciso facer toda a sesión hoxe, podédela dividir en dúas ou saltar algunha parte para facer outro día. Hoxe o que intentei básicamente foi realizar estiramentos e torsións para despertar un pouquiño o noso corpo que leva tempo facendo menos exercicio do que era habitual e nos gustaría, verdade?
Algunhas das posicións que aparecen no vídeo son:
Procurade facer as posturas con suavidade. Hay que esforzarse un pouco pero sin facerse dano. É importante ir vendo ata onde imos chegando cada vez. A práctica tamén pode variar ao longo do día. Por exemplo a min cóstame máis facer as distintas asanas pola mañán e nótome máis ríxida e menos flexible que pola noite. Así que podemos ir probando cando nos ven mellor practicar.
Empezamos a primeira semana de maio con ritmo. Aquí vos deixo dous exercicios de ritmo que tamén nos achegan á linguaxe musical e á lectura de partituras (concretamente o primeiro).
O primeiro exercicio preséntavos dúas figuras musicais: a negra que dura un tempo e a corchea que dura medio tempo. Así combinando de distintas maneiras esas dúas figuras, negras e corcheas, vanse enchendo os catro tempos do compás.
Veña! Mirade o vídeo primeiro e despois tratade de acompañar a melodía con palmas ou outro tipo de percusión corporal, ou con suaves golpes sobre unha mesa, ou con algún instrumento que teñades na casa.
A segunda proposta permítenos traballar o ritmo pero tamén a concentración e a memoria visual e auditiva. Podedes miralo unha primeira vez para comprender a mecánica do xogo que consiste simplemente en repetir unha secuencia de percusión, e despois comprobade o que sodes capaces de repetir (vos podedes facer o papel do segundo participante, o que repite a secuencia que toca o primeiro). A primeira vez quiza cometedes algúns erros, é lóxico, pero o bo é que podedesrepetir o exercicio as veces que queirades. Xa veredes como ademais de mellorar o voso ritmo, atención e concentración, tamén conseguides relaxarvos e divertirvos.