sábado, 25 de noviembre de 2023

25N

  Hoxe é 25 de novembro e é imprescindible facer mención á importancia que ten recoñecer os dereitos das mulleres e transmitir que a igualdade, a liberdade, o respecto son valores que temos que fomentar no día a día transmitíndollelos de xeito exemplarizante aos máis pequenos. Obviamente é complexo falar de violencia contra a muller a nenos/as de 4 anos, pero é posible mediante exemplos concretos e sinxelos facerlles ver como hai situacións, aquí e noutros países e culturas, nas que se menosprecia ás mulleres e se pisotean os seus dereitos fundamentais. Na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 recóllese que: "Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos. (...) Toda persoa ten todosos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, color, sexo, idioma, relixión, nacemento ou calqueira outra condición."

     No cole tamén intentamos, con diferentes actividades, con actitudes, con relatos, con palabras, con xogos e rutinas etc. que os nenos e as nenas perciban que son iguais en dereitos, que poden facer as mesmas cousas desenvolvendo todas as súas capacidades, respectando as diferencias e características personais, que os nenos e as nenas medren mirándose uns aos outros con respecto de igual a igual sen crear unha conciencia basada na superioridade dun dos xéneros. Un dos obxectivos do Proxecto Egeria, do curso pasado, era precisamente mostrarle aos peques que as mulleres tamén podemos ser valentes, aventureiras, creativas, resolutivas, independentes e poñerlle exemplos reais e concretos xa que é evidente que, ao longo da Historia, a presenza das mulleres en moitos ámbitos (ciencia, arte, investigación, creación, política, poder, economía etc.) foise escondendo, diluíndo, parapetando detrás das figuras masculinas que foron as que perduraron no relato. Por iso é básico investigar nese relato e buscar alternativas, información, exemplos diferentes que nos permitan ampliar a visión do mundo que teñen os/as máis pequenos/as. 

    ¿Algunha vez vos preguntades por qué as nenas queren ser princesas fermosas e os nenos superheroes, por exemplo? Pois igual temos que traballar algunhas cousas nas familias, no cole, na sociedade en xeral, valorando a linguaxe que empregamos, as historias que contamos, os comportamentos personais que mostramos aosnenos/as, as valoracións que facemos sobre eles/as... Moitas cousas. Quizá entre todas/os poidamos lograr que existan mulleres libres, respectadas, valoradas e cos mesmos dereitos que os homes, en todo o mundo.


        No cole, participamos nun par de actividades para facer visible esta conmemoración do 25N. Unha delas consistiu en cantar a canción "A porta violeta" de Rozalén, en compañía coas Tanxugueiras, empregando o noso idioma, o galego, así como a lingua de signos. Para iso unhas alumnas e un alumno de 6º , Paula, Iris e Xairo) viñeron á nosa aula e mostráronnos como facelo. Foi moi interesante aprender a falar a lingua de signos. 














   Despois  elaboramos unhas bolboretas que nos sirvan como símbolo desas ás que debemos desplegar as mulleres para voar ben alto e sen medos. Traballando en equipo, colaborando e perseguindo un obxectivo común, na Pementeira decoramos dúas bolboretas para decorar a árbore que hai na entrada do centro coa finalidade de facer visible o noso apoio a todas as mulleres que, dun xeito ou outro, sufren no mundo. Pero sabemos que non se trata só de facer unha manualidade, senón que é preciso seguir transmitindo estes valores ao longo do curso e de xeito práctico cada día.

























No hay comentarios:

Publicar un comentario

UN CONCERTO MOI ESPECIAL

        A verdade é que, ultimamente, estamos moi entretidos no cole xa que hai diferentes actividades que nos van sorprendendo de cando en ...