O Meco fai a súa segunda manda:
PARA LER BEN UN CONTO
PON ANTEOLLOS PRONTO,PRONTO!
E aínda que estemos na semana do Entroido seguimos facendo outras cousas e seguimos mostrando moitas actividades neste blog para que nas casas poidades ir vendo a variedade de tarefas que imos realizando na escola. Hoxe compartimos aquí unha experiencia cos números e un conto que nos gustou moito.
Despois do Nadal empezamos a traballar a serie numérica xogando cos dados que nos trouxeron os Reis magos. Temos unha alfombra cos números do 1 ao 100 e tirando o dado imos percorréndoa contando a cantidade que o dado nos indica. Para os peques de 3 anos aínda é un pouco complexo entender como se van formando os números a partir do 10, obviamente, pero o obxectivo fundamental e ir integrando o feito de contar (e o feito de que cada número da serie e maior que o anterior e, ao mesmo tempo, ir vendo dentro dese contexto lúdico e grupal como se escriben os números, as repeticións que hai e como se van construíndo) e ir familiarizándose coas grafías dos números mentres xogamos.
Hoxe lemos unha historia ben bonita na hora do conto: KIBO Y EL DRAGÓN MORADO. É un conto no que un neno intenta escapar dun dragón morado que o asusta cada día. Só consigue vencelo cando lle planta cara, míralle aos ollos e lle demostra que é forte e non vai seguir escapando, que pode enfrentarse a el, e entón ese dragón morado que cada día medraba e se facía máis intenso desapareceu voando despois de soltar unha gran maleta que contiña todos os medos de Kibo. Este pequeno neno, despois de verse libre dos seus medos (o dragón morado) empezou a disfrutar plenamente das cousas que máis lle gustaba facer. Preguntádelle aos vosos fillos/as cales eran esas cousas coas que kibo disfrutaba, a ver se as recordan.
Coloreamos o dragón morado mentres disfrutamos coa música. Cada día parece que imos acadando facer traballimos con calma, con paciencia e en armonía coa música creando, así, un ambiente relaxante e amable. Non sempre se consigue, pero como podedes ver nos vídeos, as veces é posible e dá gusto velos/as traballar.
Os que remataron de colorear o dragón tamén repasaron as letras con rotus.
Xa temos outra pementeira que escribe o seu nome e faino moi ben, por certo. Ás veces só fai falla practicar para reforzar a direccionalidade dos trazos e para interiorizar cal é o orden das letras (porque ata o de agora non lles dan importancia a iso, poden poñer as letras do seu nome pero en desorden porque van escribindo segun se acordan, ou empezan e volven cara atrás...precisamente porque aínda non comprenden a relación que hai entre as letras que forman unha sílaba e, posteriormente, unha palabra. É algo normal, dentro da lóxica infantil e, simplemente, temos que axudalos a ir comprendendo que para escribir e ler temos que respectar un orden).
Ás veces empregamos unhas pequenas pizarras para escribir o noso nome ou o dos compañeiros/as. Escribir e ler tamén é divertido.
O "LIBRO DOS NOMES" e GALOPÍN seguen a viaxar polos domicilios dos pementeiros e pementeiras. Espero que todos/as o estedes disfrutando e que sexa un recurso para ir coñecendo letras, identificando nomes e iniciándose de xeito lúdico no proceso lecto-escritor.


No hay comentarios:
Publicar un comentario