jueves, 21 de octubre de 2021

MÁIS RETOS E INFORMACIÓN DO SAMAÍN

     Estamos traballando tanto na Pementeira que non teño tempo de poñelo todo no blog. Os retos están funcionando moi ben e moitos nenos e nenas se animan a investigar na casa e compartir nova información cos compañeiros/as. Despois da ponte do Pilar, varios pementeiros/as nos contaron as súas viaxes neses días libres e aí tamén xurdiron propostas de investigacións. 

     Mauro falounos da súa visita a Lugo e A Coruña onde tivo a sorte de ver o Planetario e o Acuario. Nós aproveitamos para recordar que Lugo ten unhas fantásticas murallas romanas.



    Rosalía contounos con todo detalle a súa visita ao Pazo de Oca, falounos dos patos brancos e negros, dos cuadros, das pontes de pedra, do laberinto (no que por certo, non se perderon).
    Triana contounos que visitou moitos faros e estivemos vendo con máis detalle o Faro de Punta Nariga e o de Cabo Vilano que nos contou que era moi, moi alto e tiña unha escaleira de caracol (como a a Torre de Pisa) e que ademáis facía tanto vento que ela casi saía voando polos aires.

   Precisamente, falando das escaleiras de caracol, xurdiu o seguinte reto: ¿En qué lugar de Santiago de Compostela hai tamén unhas famosas e fermosas escaleiras de caracol?
   Teo contounos que foi a un Monte moi alto que se chama Monte Meda e ao Xirimbao onde había unha ponte colgante moi alta. A él dáballe un pouco de medo e os seus pais decíanlle "non mires abaixo, non mires abaixo".
    Ao día seguinte, Carmen López, Rosalía, Mauro, Mateo, Alonso, Triana e Noa trouxeron a solución ao enigma das escaleiras de caracol. Efectivamente, esas espectaculares escaleiras de caracol triples atópanse no Convento de Santo Domingo de Bonaval, onde tamén está o Museo do Pobo Galego e onde están enterrados Rosalía de Castro e Castelao. Foron diseñadas polo xenial arquitecto Domingo de Andrade que fixo todo un alarde técnico e constructivo. Mateo contounos que foron velas pero que cando chegaron alí estaba pechado e non poideron entrar, claro. Pero seguro que volven outro día. ¡Parabéns a estes magnificos e magníficas investigadores e investigadores!


¡Encántame ver como se están implicando nestes retos os nenos/as e as familias! ¡Bo traballo!
   E, ata o de agora, o último reto ten que ver co Samaín, Onte estivemos lendo un relato no que se explica a orixe desta terrorífica celebración e, claro, falamos dos celtas e, consecuentemente, falamos dos castros, as vivendas dos celtas, así que o reto resulta moi obvio: "¿Onde podemos atopar castros cerquiña de aquí?".
   E hoxe chegaron as respostas, todas correctas e interesantes. Así que grazas a Carmen López, Mateo, Teo e Mauro estivemos viaxando aos castros de Santa Tegra, Baroña, Castro de Iria, Castro Lupario, Castro da Rocha... e moitos máis


   Teo tamén nos trouxo un libro dos Bolechas sobre os castros que leeremos mañán.


 E xa para rematar algunhas cousiñas sobre o Samaín e o Magosto. Hoxe nos cadernos de comunicacións iba unha notiña pero aproveito esta entrada para facer un resumo.
   O vindeiro venres 29 de outubro celebraremos no cole o Magosto e o Samaín. Comeremos castañas asadas (para o cal solicitamos que mandedes unha mancheíña de castañas amosegadas) e como xa algúns nenos/as me dixeron que non lles gustan (o que me dá moita pena porque para min son realmente deliciosas) que traian merenda e auga na súa mochila como fan cada día.
    Poden vir disfrazados e, como xa lles expliquei a eles, o tema é o Samaín co cal o lóxico e vir realmente mostruosos e terroríficos pero non se vai pechar a porta a ningún disfraz por suposto. Solicitamos que non traian accesorios que teñan que ter nas mans; deste xeito evitamos que se anden tocando demasiadas cousas que veñen dos diferentes domicilios e, tamén, que queden perdidas pola aula ou o centro (ademais hai que correr, xogar, comer, bailar... e resulta moito máis cómodo ter as mans libres).
   Por outra banda, o Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias organiza un concurso de cabazas decoradas, poden ser auténticamente mosntruosas, ou terroríficamente musicais (xa que o noso proxecto é de música), o que sí valoraremos moito é que os nenos/as participen na súa elaboración e que sean creativas, orixinais e divertidas. Para participar no concurso hai que enviar unha foto ao correo electrónico que se especifica no cartel (igual que xa se fixo o curso pasado).
¡Animádevos a participar! A ver cantos artistas xurden na Pementeira.


3 comentarios:

  1. Canto nos gusta viaxar e todo o que aprendemos 👏👏. Que interesantes os retos a ver se nos mergullamos neles. Icía agora mira que o intenta pero levamos un par deles que quedamos ás portas, a información non chega completa 😅 pero seguro que seguiremos intentando 💪

    Xa está as portas o sanmaín algo fixo argallaremos 👻👻

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois non hai que desistir! Se Icía o sigue intentando, vaino conseguir, só necesita poñer un chisquiño máis de atención cando estamos na asamblea, relaxarse e ir probando sin medo. Unha vez que resolven un, xa lle collen o gusto. Tamén pode de repente chegar un tema que lle chame máis a atención e reteña ben a pregunta, pero o caso é que hai información que está chegando e ela está poñendo da súa parte así que imos ben! Ánimo!!!!!!!!

      Eliminar
  2. Pero canto investigan!!! Alégrame que sigan tendo curiosidade por viaxar coas súas investigación a diferentes lugares.

    ResponderEliminar

DÍA DE MERCADO

    Hoxe, na Pementeira, foi día de mercado. Fomos de compras e practicamos as sumas cos nosos euros, porque cando imos mercar temos que pag...