lunes, 6 de febrero de 2023

O NOSO RECUNCHO DO PROXECTO EGERIA VAI MEDRANDO

    Pouco a pouco o noso recuncho do proxecto vai  medrando. Os pementeiros/as vanse animando a traer algunhas cousiñas, e o máis importante é que todos eses materiais nos permiten ir obtendo moita informacións, imos descubrindo temas que nos interesan, lemos historias bonitas, aprendemos novas palabras, e estamos poñendo a nosa aula ben interesante. 





   Como vexo que as viaxes espaciais son moi atractivas para estes pementeiros e pementeiras, pois hai que facer moitas investigacións por ese espazo exterior e falamos de Yuri Gagarin e Valentina Tereshkova, de Neil Amstrong, do Apolo XI, e dos robots espaciais como o Pathfinder ou Curiosity. ¡E resulta que nós temos o noso propio robot espacial que anda recollendo mostras pola Pementeira! ¡Foi moi divertido velo circular polo noso planeta!




    Estamos empezando a ver, de vez en cando os debuxos de "A volta ao mundo en 80 días". Xa que coñecemos a Nellie Bly penso que é o momento ideal de coñecer a Julio Verne e a súa fantástica obra e, claro, ver a serie de debuxos animados de Willy Fogg é moi divertido. Mirade que atentos/as están todos.



   A semana pasada foi unha semana estupenda, e esta está empezando moi ben (a ver se logramos entre todos/as seguir así) estamos facendo moitas cousas diferentes e temos tempo de xogar, de ler, de pintar, de escribir, de practicar trazos, de investigar... Hai tempo para todo. E o máis importante é que ademais de aprender estamos disfrutando no cole e iso é o que máis me alegra, ter bo ambiente na aula, e aproveitar ao máximo este tempo que compartimos.
   -Practicamos o trazo dos números 1,2 e 3





















  -Xogamos con diferentes xogos: lóxica-matemática, equilibrio, motricidade fina, puzles etc. Hai xogos que empregamos de xeito individual e outros que nos permiten desenvolver habilidades de cooperación e traballo en equipo.









  -Aproveitando as rutinas cotiáns como pasar lista, contar cantos nenos e nenas faltan, poñer a data etc. imos identificando a letra inicial de algunhas palabras e imos buscando outras que empezan igual. Así estamos traballando lecto-escritura, mediante a asociación de grafemas e fonemas (letras e sonidos). Pouco a pouco os peques irán interiorizando de xeito moi natural esa relación entre os sonidos e as letras e desta maneira avanzan cada día na adquisición da lectura e a escritura (que, obviamente, está nun estadio moi inicial xa que é moi importante, tamén, que os nenos e nenas avancen na súa expresión oral, que melloren a pronunciación dos fonemas e vaian adquirindo máis vocabulario e maior precisión na dicción).









   - Repasamos trazos para coller soltura e adquirir máis precisión, coloreamos debuxos con técnicas plásticas diferentes.










  - O Libro dos Nomes sigue viaxando. Estou moi contenta porque todos e todas o queren levar a casa para xogar en familia e ler todas as anécdotas sobre os nomes. Cando volven tamén veñen moi contentos e contentas dicíndome con quen o viron, se o pasaron ben co xogo dos pasaportes e que formaron todos os nomes coas letras móbiles. Estas actividades gústanme moito e dame moita satisfacción comprobar que moitos/as de vós vedes o entusiasmo que mostran nenos e nenas con estes materiais personalizados que os van achegando ao proceso lecto-escritor dándolles a eles/as moito protagonismo. Teñen ganas de compartir estas cousas convosco e coa vosa particpación nestas tarefas a motivación que se logra cara as aprendizaxes é maior. Por iso, encántame recibir esas mensaxes tan bonitas que me enviades porque, por suposto, é gratificante que se recoñeza un traballo pero, sobre todo, porque se vós valorades os traballos da aula o avance dos nenos e nenas é sempre máis rápido e significativo.
   Aproveito para pedirvos por favor que o coidedes e comprobedes que volve ao cole completo porque aínda faltan moitos domicilios por visitar e gustaríame que todos/as o poideran disfrutar en igualdade de condicións. Os que xa o tivéchedes na cas, comprobade por favor se vos quedou algún pasaporte do xogo das avionetas porque hoxe avisáronme de que falta un. Grazas pola vosa colaboración.


   -Seguimos coas sesión de ioga. Hoxe estivemos vendo un conto de ioga sobre unhas bolboretas, que despois nós reproducimos na aula de psico. tamén repasamos algunhas posicións que xa coñecíamos e ata tivemos tempo de bailar o Hoky-Poky que sempre nos encanta.

















   Como vedes, estamos que non paramos. A semana pasada foi estupenda, e seguro que esta será aínda mellor. Seguiremos informando,


No hay comentarios:

Publicar un comentario

OPERACIÓNS MATEMÁTICAS

    As mates están presentes no nosos día a día. Constantemente facemos cálculos e os nenos e nenas tamén, de xeito instintivo e con natural...