Hoxe déixovos aquí un arquivo PDF con algunhas actividades impresas de reforzo por se alguén, de xeito totalmente voluntario, quere facer algo na casa. Isto é porque algunhas familias me piden actividades deste tipo e a min non me gusta nada mandar tarefas "escolares" para a casa xa que considero que o traballo do cole é para facer aquí e non estou a favor de mandar deberes sobre todo con nenos e nenas tan pequenos.
¿Por qué o fago entón? pois porque ante as peticións das familias penso que si podo axudarvos e , polo menos, proporcionarvos algunha ficha semellante ás que facemos na aula pois, quizá, podemos manter certa uniformidade nas propostas. Ademais se lle proporciono algún material a algunha familia, tamén me parece xusto facelo accesible a todos/as os que queirades. Por iso me gustaría moito que lérades as indicacións que vos vou dar a continuación, para fomentar certos hábitos axeitados nos peques e para evitar que se reforcen "erros" ou malos hábitos que despois é máis complexo corrixir.
1.- É importante que o neno/a queira facer a actividade, senón prefiro que non o forcedes. Traballamos no cole, se xa non teñen moitas ganas de facer certas tarefas na aula e, encima, tamén as levan para casa imos xerar aínda máis rexeitamento ou aburrimento, co cal menos ganas terán ao día seguinte de facer nada. Por outra banda, se vós lles facedes os debuxos, se lle "levades" a man para facer os trazos, se lles dades todo feito porque tedes medo a que se frustren, finalmente sí que se van frustrar porque non exploraron as súas capacidades e cando chegan ao cole e eu non lle fago as cousas, entón enfádanse, choran e están frustrados. Cada neno/a fai as cousas ao seu nivel, pero téñenas que facer eles/as.
2.- Procurade que os nenos/as se senten cunha postura correcta para escribir, que agarren ben o lápiz, que non se tumben na mesa... porque así melloraran o control motriz, e terán unha correcta visión dos trazos, dos números, das letras etc.
3.- É bo que se habitúen a poñer o seu nome (normalmente no cole poñémolo no extremo inferior esquerdo do folio, é importante que se habitúen a empezar a escribir no lado esquerdo, marcando a direccionalidade cara a dereita, así non escribirán en espello).
4.- Os trazos deben facerse de arriba-abaixo e de esquerda-dereita. Esas son as dúas direccións básicas da noso sistema de lectura de escritura, se o automatizan agora, despois cando empecen a escribir con enlaces en primaria, vailles resultar moito máis fácil, poderán ter un ritmo de escritura máis suave, máis natural, con menos esforzo e polo tanto poderán facelo con máis soltura e rapidez.
5.- As actividades impresas son só un dos tipos de tarefas que poden facer os nenos e nenas, non son único que facemos no cole, nin o único co que aprenden. Por iso, para min, é moito máis importante que na casa fagades cousas como:
- Ler cos vosos fillos/as historias fermosas, coas que disfrutedes xuntos e que faledes sobre a lectura, que aprendan novas palabras...
- Facer debuxos de xeito autónomo, deixando fluir a súa creatividade, expresándose libremente (non teñen que copiar ou repasar o debuxo que fai mamá ou mamá, é importante que se solten, que collan soltura nos trazos e que empecen a plasmar as cousas como eles as ven ou as imaxinan).
- Poden practicar o conteo de obxectos con calqueira cousa, por exemplo contar pinzas, ou os libros que teñen, ou xoguetes ou galletas (calqueira cousa vale) e poden escribir o número resultante nunha pizarra ou nun papel. Poden facer sumas con garbanzos ou con rotus ou con calcetíns. Poden facer clasificacións cos seus xoguetes: metelos en caixas según o tipo de xoguete, ou a cor, ou o tamaño, ou os que fan ruído e os que non... calqueira criterio vale para ver se eles diferencian as características.
- Calqueira actividade que facedes na casa é susceptibñe de adaptarse aos nenos/as e así desenvolver a súa autonomía e todo tipo de habilidades (atención, concentración, responsabilidade, observación, análisis, control motriz, expresión oral...) por exemplo, recoller os seus xoguetes, colocar a súa roupa no armario, poñer a mesa, buscar as parellas de calcetíns, vestirse sós, aprender a calzarse e atar cordóns, lavar as mans, a cara e os dentes, pasar un pano polas mesas... pequenas tarefas cotiáns que lles axudan a desenvolver a autonomía pero tamén os ensinan a ter actitudes de colaboración na familia, a ser responsables e a mellorar a súa motricidade global.
- É importante que fagan exercicio, por exemplo poden practicar as posicións de ioga, e buscar outras novas, poden e deben saír e correr, andar en bici, ir ao parque, pasear polo monte, xogar con moitos amigos e desenvolver habilidades socias e aprender a resolver conflictos.
- É fundamental que falen, que se expliquen, que pidan as cousas por favor e den as grazas, que aprendan a comunicarse cos demais e non esperen que lles den todo feito, que melloren a pronunciación e aprendan novo vocabulario. Falar tamén lles axuda a organizar as súas ideas, a desenvolver o seu pensamento, a reflexionar e a mellorar o seu razonamento lóxico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario