jueves, 7 de noviembre de 2024

KALIMERO E KIRIKÚ: DOUS PITIÑOS PEMENTEIROS

    Efectivamente despois de ver que un pitiño estaba empezando a romper a cáscara do ovo o luns pola mañán, cando chegamos ao cole o martes xa había un pitiño movéndose pola incubadora. Canta ilusión nos fixo ver ese pequeno bichiño e escoitalo piar con enerxía e vitalidade. 































      O seguinte paso, despois do nacemento do pitiño, obviamente tiña que ser o bautizo: tíñamos que pensar un nome para o novo ser vivo que compartía a Pementeira con nós! Despois dun profundo debate (xa que xurdiron varias ideas moi diferentes) decidimos poñerlle Kalimero xa que é negriño como Calimero, un pitiño pequeno que vimos nuns debuxos animados, e tamén porque Kalimera en grego quere dicir "bos días", e o noso pequechiño naceu pola mañán cediño.


   Despois escribimos unha carta para notificarlle aos compañeiros/as de infantil a boa noticia e invitalos a visitar a Kalimero. Levámoslle a carta á Sementeira e despois, como xa era a hora do recreo, fomos ao patio a contarllo tamén aos nenos/as da clase de 3 anos. E que unha nova tan importante había que contala rapidamente. Tamén llo dixemos aos alumnos/as de 1º de primaria para que viñeran de visita cando quixeran.









     E resulta que aínda faltaba outra sorpresa! Mentres todo o mundo estaba no recreo un segundo pitiño acabou de romper a cáscara e naceu tamén coa sorte de que Irea e a profe Teté estaban alí e puideron velo nacer. Os demáis vírono despois cando entraron. E agora temos que pensar outro nome, claro!













    Pola tarde a avoa e a mamá de Carla trouxéronos unha caixa grande cunha bombilla (para darlle calor aos pitiños pola noite) e comida e metémolos na súa nova casa esperando por si nacía añgún maís na incubadora. Pero finalmente non houbo máis nacementos. Así que xa procedemos ao bautizo do segundo bebé que por maioría recibiu o nome de Kirikú, que igual que el tamén é pequeniño, negro e moi valente.







       E hoxe Kalimero e Kirikú xa estaban todos espabilados, sin parar de piar, de comer e de facer caca. Tamén durmiron e veña volta a piar!







   Estamos moi felices con Kalimero e Kirikú, todos e todas tivemos a oportunidade de poder acaricialos, de verlle o piquiño e as patiñas, de falar con eles e observalos moito, pero non pensedes que só estamos mirando para eles. tamén traballamosun pouquiño. Coa experiencia da incubadora aprendemos moito así que recollemos parte destas aprendizaxes nunha ficha e despois fixemos un debuxo dos nosos pitiños pementeiros.




































    O tempo climatolóxico tamén nos acompañou, a xogo coa alegría de ver nacer a Kalimero e Kirikú, e con boa temperatura e solete fixemos un picnic de outono.
          

     E agora temos por diante un fin de semana e estamos preocupados/as por deixar sos a Kalimero e a Kirikú na aula o venres pola tarde, o sábado e o domingo todo o día e tres noites enteiras, así que hoxe escribimos unha nota na libreta para promover a adopción dos dous pitiños.
























     Sei que todos/as os queren levar pero, claro, non sempre é posible criar pitiños na casa, por iso se alguén os quere aos dous, ou un solo (aínda que a min xa me dá pena separalos) porque ten un espazo axeitado para telos e porque lle gusten os animais, pois pode levalos. A mamá de Carla, Lidia, e a avoa dixeron que  quen quixera podía levalos e mesmo plantexaron que nos deixan a incubadora se queremos repetir a experiencia. Non teño nin que diciros que os pementeiros e pementeiras xa queren empezar de novo pero eu creo que agora imos ver como arranxamos a vida destes dous pequechos e, despois, podemos repetir a experiencia por exemplo despois de nadal o máis preto da primavera, non sei que vos parece... A experiencia foi moi fermosa, aprendemos moito, disfrutamos e seguramente nunha segunda oportunidade poderemos ampliar coñecementos...



No hay comentarios:

Publicar un comentario

MOITOS RETOS

    O proxecto Plumas está dando moitas posibilidades de aprender cousas interesantes. Un dos obxectivos deste curso e´sen lugar a dúbidas, ...