Onte e hoxe estivemos falando na Pementeira dun home que foi moi especial para min na miña infancia. Félix Rodríguez de la Fuente, porque co seu traballo en defensa da natureza, a súa maneira de transmitirnos un enorme respecto e amor polos animais, a capacidade que tiña de expresar con claridade pero con profunda pasión todo o que él sabía e investigaba sobre a vida salvaxe, logrou manternos pegados á televisión semana tras semana a nenos/as e non tan nenos naqueles anos nos que se emitía "O home e a Terra".
Félix Rodríguez de la Fuente espertou unha conciencia ecolóxica na poboación nun momento no que non se falaba de ecoloxía, no que aínda non tiñan unha presencia chamativa grandes asociacións e organizacións que loiten pola conservación dos ecosistemas, en contra da polución e contaminación do planeta ou pola preservación de especies animais atacadas polo home, nun momento no que as redes sociais non existían e sin o apoio de famosos que publicitaran a súa causa Grazas a el cambiaron certas leis en España e modificamos a nosa percepción errónea sobre animais como pode ser o lobo.
Seira contounos o que estivo investigando sobre Félix e todos xuntos vimos a súa presentación. Despois como ven sendo habitual fixemos unha ficha recollendo algúns datos importantes sobre este naturalista español que deixou unha pegada importante en todos os amantes da natureza e a vida salvaxe.
Nestes momentos nos que nos enfrentamos a unha pandemia provocada por un virus procedente do mundo animal, é importante saber que entre os factores que poden favorecer a aparición de novos virus están o cambio climático, o tráfico de animais, a invasión dos espazos antes despoblados e ocupación de hábitats de distintas especies animais, a masificación das cidades... así que, as ensinanzas e mensaxes de Félix Rodríguez de la Fuente deberían estar moi presentes e todos teríamos que reflexionar moito sobre o que estamos a facer co noso planeta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario