¡Pois xa descubrimos o tema do noso proxecto! ¡Mirade, mirade! Os nenos e nenas da Pementeira saíron ao patio a buscar pistas do proxecto e atoparon un montón de cousas.
Cando atoparon todas as pistas, chegou o momento de ordenalas e ir vendo si nos proporcionaban suficiente información para adiviñar o tema central arredor do que vai xirar a nosa actividade e investigación neste curso. Estivemos observando que había instrumentos musicais, contos con cd, imaxes de cantantes e compositores, debuxos de músicos... e unhas letras. Todo indicaba que o punto en común de todas as pistas era... ¡A MÚSICA! As letras, a verdade, costou un pouquiño poñelas nun orden correcto, que nos permitira lelas (é lóxico) pero cun pouco de axuda xa as fomos xuntando para formar esa palabra.
Hoxe os pementeiros/as levaron unha notiña na libreta na que se explica brevemente cal é o obxectivo deste proxecto "Musiqueando". A música é algo que sempre está presente na nosa vida, mesmo desde antes de nacer. Todos escoitamos música, cantamos ou bailando de cando en vez, coñecemos un montón de artistas de todas as épocas, celebramos moitos momentos especiais con música ou, mesmo, tocamos un instrumento. Pero a música non é só cantar ou tocar un instrumento. A música ten unha linguaxe propia que precisa dun coñecemento matemático, ten cancións con fermosas letras que nos falan de emocións, valores, fantasías, as diferentes épocas historicas, ou os distintos países e culturas do mundo, teñen as súas propias manisfestacións musicais, hai moitas profesións relacionadas coa música e fermosos edificios construídos para disfrutar da música... En fin, que cando vos digo que este curso estaremos "MUSIQUEANDO" quero dicirvos que estaremos cantando, bailando, conversando, escoitando, reflexionando, investigando, xogando, rimando, creando, pintando, preguntando, imaxinando, viaxando, traballando e, sobre todo, disfrutando dun montón de actividades que teñan algunha relación co mundo da música no seu sentido máis amplo.
Pouco a pouco iremos vendo a onde nos levan as diferentes rutas de investigación, seguro que haberá temas que nos van sorprender, historias que nos "engancharán", cantantes que nos farán mover o corpo, ritmos que espertarán sensacións moi agradables ou cancións que nos transportarán a lugares lonxanos. ¡Veremos que ocurre!
Ademais de descubrir o tema do proxecto, tamén disfrutamos moito no areeiro, que sempre é un dos lugares favoritos dos nenos e nenas de infantil e cada día adicamos un pouquiño de tempo a facer algunha actividade impresa para mellorar o trazo, reforzar o coñecemento da serie numérica, mellorar a atención e a concentración etc.
Que ben o ides pasar musiqueando e cantas cousas ides aprender!
ResponderEliminarXa estamos metidos en materia! a ver o que vai xurdindo neste mundo da música! Espero que disfrutemos moito. E espero, tamén, que teñamos moitas ideas e participacións das familias. Entre todos desenvolveremos un proxecto ben interesante!!!
Eliminar