jueves, 23 de septiembre de 2021

PEDRO E O LOBO, PEDRAS VOLCÁNICAS E XOGOS NO PATIO

   Como xa vos dixen na entrada anterior do blog, temos moitas cousas aínda que compartir coas familias. Xa sabedes que estes días estamos falando moito dunha das noticias de actualidade que máis nos impactaron: a erupción do volcán da illa da Palma nas Canarias. Isto levounos a falar dos volcáns en xeral e, en concreto, do Vesubio, do Teide, do Etna, do Timanfaya... Estivemos vendo onde están situadas as illas Canarias e identificando cada unha das illas.

   Aproveitando o tema, Icía tróxonos unhas pedras volcánicas e eu tamén fixen a miña aportación dunha pedra do Etna e un puñadiño de lapilli.

   Nada máis entrar e sentarnos na asamblea, como tiñamos as mans desinfectadas, estivemos observando todo este material volcánico,os nenos e nenas uliron e tocaron  e viron que unha das pedras é máis lisa, máis compacta e máis pesada e a outra é máis rugosa, áspera, porosa e máis lixeira. 
     Icía estaba toda orgullosa coas súas pedras volcánicas e esperou pacientemente a que todos os compañeiros as observaran antes de gardalas de novo na súa mochila (o ideal sería poder ter os recunchos temáticos na aula con diferentes cousiñas, pero para evitar que haxa moito toqueteo de obxectos, mellor non tentamos á sorte e levamos as cousas para a casa de volta. Non quero abusar moito deste tipo de actividades pero, coas mans desinfectadas previamente e lavándoas tamén despois, creo que podemos ter oportunidades de facer algo un pouco máis manipulativo e vivencial).








   Despois deste traballo de campo xeolóxico, entramos nunha tarefa máis activa, máis emotiva e máis músical. Estivemos escoitando o conto musical "Pedro e o lobo" coa magnífica partitura de Prokofiev. Teño que dicir que estiveron moi atentos á narración e que viviron emocións fortes coa magnífica música (algún ata levou algún sustiño). Tamén aproveitamos para representar algunhas esceas: o tranquilo paseo de Pedro polo bosque, a captura do lobo cunha corda, os disparos dos cazadores, o desfile final cargando co lobo).








  Neste conto musical, cada personaxe está identificado cun instrumento musical e cunha determinada melodía. Sobre estas cousiñas, entre outras estamos traballando no noso caderniño.















Mirade como están quedando xa algunhas das portadas rematadas...










   No lateral dereito do blog, no apartado ENLACES MUSICAIS podedes ver algúns vídeos de Pedro e o Lobo.

   Aproveitando que aínda podemos disfrutar duns días de soliño, hoxe merendamos fóra e sacamos algúns xoguetes para sacarlle máis partido ao recreo (aínda que hai nenos/as aos que lles costa entender que os xoguetes non son unha propiedade privada e hai que compartilos entre todos/as, así que tamén toca traballar con estas cuestións. É certo que con esta pandemia deixamos de compartir cousas, pero eu quixera que non perdéramos de vista esa necesidade de ter en conta que formamos un equipo, que somos compañeiros/as, que entendemos que todos/as queren xogar e que mantendo as mans ben limpiñas e desinfectando xoguetes podemos seguir disfrutando xuntos).
Tamén sacamos unhas fotos fóra sin mascarilla, para non esquecernos de cómo somos, para ver sorrisos (que os botamos moito de menos) e para poder utilizar estas imaxes nalgunhas actividades.































     ¡Dá gusto ver esas caras e esas expresións sin mascarilla!
      Aínda me quedan máis cousas que contar pero vouno deixar para outro día.
      Seguiremos informando.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

DÍA DE MERCADO

    Hoxe, na Pementeira, foi día de mercado. Fomos de compras e practicamos as sumas cos nosos euros, porque cando imos mercar temos que pag...