viernes, 18 de febrero de 2022

ACTIVIDADES VARIADAS E MANDAS DO MECO

    Ao longo desta semana e a pasada fixemos multitude de actividades de todo tipo e non todas as temos xa completamente rematadas (co cal xa vos contarei próximamente). Outras que si finalizamos quedaran pendentes e aínda non as compartira no blog, así que este é o  momento. 

   Kirikú é o protagonista indiscutible deste mes de febreiro. Non ten rival. Os pementeiros/as queren saber qué lle ocurre a este pequeno africano que coa súa curiosidade, intelixencia e iniciativa nunca nos deixa indiferentes. Encántame ver as expresións nos seus ollos mentres vou lendo o conto, escoitar as risas cando Kirikú fai algo divertido ou engana a alguén coa súa pillería. A atención nestes momentos é plena, o cal é de agradecer xa que ultimamente está costando máis do habitual lograr que os nenos e nenas me escoiten cun pouco de calma (non sei si están xa en modo entroido pero estas ultimas semanas hai certo "descontrol" na aula e ás veces hai que reconducir algunhas tarefas).

    En fin, grazas a Kirikú (e algunhas outras cousiñas) compartimos moi bos momentos na Pementeira. 





















    Nas últimas sesións de ioga estamos traballando a coordinación de movementos (brazos e pernas) e fortalecendo a musculatura de brazos e pernas e loitando para manter o equilibrio sobre unha perna. Non nos esquecemos do acroioga. Cada día acadamos certos avances e os nenos e nenas síntense moi orgullosos cando os felicito porque melloraron unha das posicións. Hoxe tamén probamos algo novo que supuxo un auténtico reto. Non teño fotos porque era necesario que eu estivese axudando aos nenos e nenas e non podía estar coa cámara. Ao mellor dentro de pouco tempo podo mostrarvos algunha imaxe pero agora mesmo o máis importante é ir practicando cada vez un pouco máis para gañar confianza . Como sempre lles insisto, temos que ser pacientes, e ter disciplina, non enfadarnos por non conseguir algo no primeiro intento. Todos /as  necesitamos un tempo para acadar certos avances, Os nenos /as soen ter pouca paciencia e queren lograr todo inmediatamente, pero pouco a pouco tamén temos que ir aprendendo a canalizar pequenas frustracións que son completamente lóxicas no proceso de aprendizaxe e no proceso vital. O importante é comprobar que cando logran un avance se sinten moi satisfeitos/as e iso anímanos a seguir.











   Traballamos co corpo pero tamén traballamos coa mente, así que sempre procuramos ter momentos de lectura, disfrutando da nosa biblioteca de aula, mergullándonos nos libros, viaxando a través das ilustracións e descubrindo todas as cousas que xa coñecemos, das que falamos nas asambleas ou investigamos nos retos, escoitando os diferentes sonidos e melodías nos libros de música...
   














      Icía enviounos un vídeo recitando o poema "Navegando voy" que aprendeu de memoria os días que tivo que estar na casa e que eu me esquecera de compartir convosco.

    Dentro duns días teremos que celebrar o aniversario de Rosalía de Castro. O equipo de Biblioteca propuxo unha actividade que consistía en escribir uns versos dun poema (que Curros Enríquez escribiu na honra da poetisa de Padrón) nunha figura musical, concretamente nunha CORCHEA. Así que primeiro estivemos decorando a corchea, despois, escribimos os versos que non correspondían e agora só nos falta ir colocala no pentagrama que hai no corredor de entrada onde as outras aulas de infantil xa colocaron os seus traballos. A ver si o luns xa imos todos xuntos para que o poema de Curros quede completo.

















   E para rematar, hai que falar do ENTROIDO. ¡Xa sei que o están esperando como auga de maio! Penso que parte do nerviosismo desta última tempada ten que ver coa chegada desta festividade, xa están todos falando dos disfraces, xa lles tarda o momento de mostrarlles a todos os compañeiros/as de que van vir  ataviados ...

    Como xa sabedes, o tema do Entroido é a MÚSICA, así que calqueira cousa que se vos ocurra que teña relación con este tema é perfectamente válido. As profes xa temos ganas de ver, un ano máis, o que dá de sí a creatividade das familias que sempre nos dan algunha sorpresa. Instrumentos musicais, figuras musicais, compositores (Beethoven, Mozart, Strauss...), pentagramas, personaxes anónimos (directores de orquesta, músicos, cantantes, bailaríns...) ou famosos (Freddy Mercury, Michael Jackson, Lennon, Bob Marley, Elvis, Bono, Elton John, David Bowie, Tina Turner, Abba, María Callas...), protagonistas das diferentes historias coas que traballamos (Pedro e o Lobo, o Crebanoces, a Frauta Máxica...) ou calqueira outra cousa que a vós se vos ocurra que teña relación coa música. O tema é amplio e diverso co cal podemos movernos con moita liberdade o cal tamén fará que o vindeiro venres sexa sorprendente.
    Para ir quentando motores, o luns comenzamos coas mandas do Meco. 


    Así que o luns todos os nenos e nenas cumplindo a primeira manda do Meco.
       E agora toca disfrutar do fin de semana, descansar, ir preparando disfraces, ler un poquiño tamén e xogar moito.

1 comentario:

POLICUBOS: MATES DIVERTIDAS

   Xa a estas alturas, para todos resulta evidente que  o xogo é unha maneira de aprender. Lóxicamente nas aulas de infantil sempre hai temp...