miércoles, 9 de febrero de 2022

REPASAMOS AS DECENAS E COÑECEMOS O LAGO RETBA

  Estes días estamos facendo algunhas tarefas de repaso. Por exemplo sigo insistindo moito nas grafías tanto das letras como dos números xa que aínda percibo certos hábitos non moi axeitados na escritura. Aínda costa interiorizar que a direccionalidade da nosa escritura é de arriba abaixo e de esquerda a dereita. Sei que pode parecer que dá igual empezar unha letra por un lado ou polo outro pero, realmente, non é así. Ten a súa importancia. Pensade que dentro de pouco os nenos e nenas van inciarse nun tipo de escritura na que as letras van enlazadas unhas con outras e iso require que se manteña unha direccionalidade determinada para poder facer os enlaces entre as letras, os bucles, os xiros etc.

   Tamén sei que cada vez se lle dá menos importancia á escritura manual xa que, certamente, cada día se escribe menos a man e empregamos ordenadores ou teléfonos para mandar mensaxes escritas ou presentar traballos en escolas ou universidades. É certo que hai mestres que tampouco traballan estas cuestións e empregan tablets nas aulas. É innegable que as novas tecnoloxías están cambiando moitas das nosas rutinas, hábitos e mesmo habilidades. Sin embargo, eu penso que a aprendizaxe da lectura e a escritura é algo que non deberíamos esquecer e que deberíamos potenciar. Creo que os nenos e nenas deberían ter aprender a escribir e a ler con soltura xa que son actividades que nos definen como seres humanos, desenvolven a nosa imaxinación, a concentración, as habilidades de motricidade fina, a coordinación óculo-manual, a memoria... cando o noso corpo e a nosa mente se implican nunha actividade traballamos con todas as áreas do cerebro, implicámonos máis nas tarefas, realizamos máis conexións neuronais e todo iso desenvolve  a nosa intelixencia.

   Xa que temos un proxecto sobre a música, gustaríame trasmitirvos que en todo o que facemos hai un ritmo, unha cadencia, unha coordinación. tamén na escritura e na lectura traballamos co ritmo, cos movementos, como si danzáramos. Si aprendemos a escribir mantendo os movementos máis lóxicos, lograremos movementos máis fluídos, cómodos e relaxados. A escritura será máis lixeira e aforraremos enerxía, lograremos un mellor aspecto no noso traballo e todo iso fará que a actividade sexa máis gratificante. O mesmo que cando aprendemos a conducir, ou a bailar, nos indican como debemos facelo, como colocarnos, ou cal é a secuencia lóxica dos nosos movementos, pois o mesmo é cando aprendemos a escribir.

 Coméntovos esto porque me gustaría que nas familias comprendérades por que corriximos determinadas cousas nos nenos/as. Obviamente non vai pasar nada porque escriban unha letra do revés ou desde abaixo, pero considero que a miña labor como mestra é tratar de poñer unhas bases nas aprendizaxes que, cando se repiten e se automatizan, despois facilitan moito as seguintes aprendizaxes e a evolución dos nenos/as. É simplemente un pouco de información, co obxectivo de reflexionar e compartir convosco, o porqué facemos determinadas cousas na aula.

Ademais de repasar estas cousiñas, tamén estivemos repasando o concepto de decena que, en xeral, foi perfectamente comprendido desde o primeiro momento. É algo moi concreto e non supuxo ningún problema comprender que 1 decena é igual a 10 cousas. Así que agora estamos agrupando obxectos para formar decenas e seguimos escribindo as familias das decenas, por exemplo a familia do 30.

    Primeiro os pementeiros/as tiveron que poñerse de acordo para que houbera unha decena de nenos/as encima dunha mesa. Despois duns minutos de discusións, de subir e baixar unha e outra vez da mesa uns e outros, finalmente chegaron a un acordo, foron contando e lograron formar unha decena de nenos/as.

   A continuación había que colorear unha decena de leóns e rodealos. Non houbo maiores problemas, era sinxelo facelo e os únicos "problemas" foron derivados da falta de atención e as prisas. Ás veces costa un pouquiño seguir as indicacións da profe (que dou un par de trucos para facer a tarefa sin erros) e o feito de querer acabar pronto fixeron que houbese que borrar algunha cousiña pero, como vedes, o resultado final foi bo.


















      Por outra banda, como Kirikú sempre dá moito para falar e agora xa coñecemos a Youssou N´dour, o compositor da música da película, que é de Senegal, plantexei un novo reto:

   En Senegal, hai un lago que ten unha característica moi peculiar, algo que tan o pronto o vemos nos chama a atención porque non é habitual. Buscade o nome dese lago e mirade que é iso tan curioso que podemos ver.

    Pois novamente varios pementeiros/as trouxeron a resposta a este reto de investigación:

   O lago Retba en Senegal é de cor rosa. A súa cor tan fóra do común é debida a un alga que vive nesas augas tremendamente salgadas. falando disto aproveitamos para falar da importancia do sal para conservar alimentos e ata para pagar o traballo da xente noutras épocas. Gustoume comprobar que recordaban moitas destas cousas que lles explicara días atrás.  E xa me contaron, tamén, que moitos papás e mamás coñecían a palabra SALARIO que deriva precisamente de SAL. Encántame cando contan cousas na casa e despois me informan do que vós tamén lles contades.


                     ¡Parabéns a Noa, Rosalía, Mauro e Aarón!


    E aquí vos deixo un vídeo dos pementeiros/as traballando relaxadamente mentres escoitamos música, como nos gusta facer na aula. Como vedes podemos facer moitas tarefas con calma e disfrutando da música e ter momentos así cada día tamén nos axuda a sentirnos mellor no grupo e con nós mesmos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

POLICUBOS: MATES DIVERTIDAS

   Xa a estas alturas, para todos resulta evidente que  o xogo é unha maneira de aprender. Lóxicamente nas aulas de infantil sempre hai temp...