Non vos preocupedes que non imos falar de canto pesamos cada un de nós, sobre todo despois das festas do Nadal. Pero a verdade é que ultimamente estamos aprendendo moitas cousas sobre as unidades de medida e, en concreto, sobre as unidades que empregamos para cuantificar o peso . Todo isto xurdeu antes das vacacións de Nadal falando do que é 1 TONELADA (¿recordades ese reto?). Penso que agora os pementeiros e pementeiras xa saben que 1 tonelada é igual a 1000 kilos. Partindo de aí os nenos/as levaron un encargo para casa que era averiguar canto pesaba cada un deles/as e temos os papeliños coas "chuletas". Xa sabemos tamén quen pesa máis e quen pesa menos e temos que facer unha táboa para ir escribindo os números correspondentes aos kilos que pesa cada un ordenados de menor a maior ou viceversa (a ver si mañán nos dá tempo).
Así que hoxe decidimos poñernos a pesar bolas de plastilina. O reto consistía en facer unha boliña de plasti que pesara exactamente 20 gramos. Así que empregando a báscula había que ir facendo probas para lograr unha boliña que non pesara nin máis nin menos que 20 gramos. E teño que dicir que a proba saiu bastante ben.
Cantas cousiñas aprenden e que ben traballan. Alégrame moito poder seguir as vosas aventuras no blog da vosa aula e da profe Teté
ResponderEliminar