Onte foi 8 de marzo, DÍA DA MULLER, e para conmemorar esta data importante tivemos unha asamblea adicada ás mulleres importantes que todos coñecemos.
Non resulta fácil facer visible o papel das mulleres na Historia e na sociedade actual porque, aínda que non sexamos conscientes, aínda existe certo "ocultamento" da muller nos libros de historia, na literatura, no mundo da arte, nos medios de comunicación, na política etc. Parece moi evidente para todos nós que as mulleres e os homes temos os mesmos dereitos pero, probablemente, non temos as mesmas oportunidades.
Cando lles pedín ás nenas e nenos que nomearan mulleres importantes que eles coñecían, polo motivo que fora, mulleres famosas, importantes, que fixeron algo salientable, non eran capaces de decir ningún nome. Curiosamente o día anterior estiveramos falando dunha muller e mesmo fixemos unha actividade impresa sobre ela, escoitamos a súa música, vimos imaxes e bailamos unha das súas cancións, pero ninguén se acordou dela... nin doutras mulleres das que falamos na aula.
Cando lles pedín que me dixeran o nome de homes importantes, famosos, que fixeron algo salientable saíron en menos de 30 segundos máis de 15 nomes: Freddy Mercury, Bob Marley, John Lennon, Yacouba Sawadogo, Gandhi, Brian May, Michael Jackson, Jackson Pollock, Degas, Picasso, Mozart, Beethoven, Strauss, Tchaikovsky, Chopin, Bach...
A partir de aí empecei a dar pistas máis concretas. Si coñecedes a cantantes como Lennon o Freddy Mercury, tamén supoño que coñeceredes algunha muller cantante. Entón acordáronse de Miriam Makeba (a muller sobre a que estiveramos traballando o día anterior), Tina Turner, Shakira... e dando máis pistas nomearon a Rosalía de Castro, Wangari Maathai, Cleopatra e Nefertiti e non houbo maneira de que recordaran máis.
Certamente é aplastante a mención aos homes ao longo da Historia da Humanidade e iso é algo que está aí e que non temos que ocultar pero si deberíamos explicar por qué ocurre iso e deberíamos facer máis visibles ás mulleres salientables ao longo da Historia e, tamén, facer máis visibles e relevantes ás mulleres que no mundo actual están aportando algo importante á sociedade no ámbito que sexa. Iso require esforzo e concienciación pero podemos facelo.
Tamén falamos sobre o que poden facer as nenas e os nenos, sobre as profesións e penso que todas/os teñen ben claro que sexamos nenas ou nenos podemos loitar polos nosos soños e logralos, que non hai xogos, nin profesións, nin actitudes, nin dereitos que sexan ou masculinos ou femininos.
Por iso, para resaltar que as nenas tamén poden ser e son intelixentes, fortes, independentes, libres, valentes, decididas e autónomas, hoxe lemos un fermoso conto titulado "Tanga e o gran leopardo"
E aquí está o noso traballiño sobre Miriam Makeba, "Mamá África", cantante sudafricana e activista pro dereitos civiles e contra o apartheid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario